11 feb 2014

O xerente do Xacobeo pronunciou unha conferencia en Ávila sobre o VIII centenario da peregrinación de San francisco de Asís a Santiago

Rafael Sánchez Bargiela tamén se reuniu con representantes das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago na zona.   -A conferencia forma parte do ciclo “100 anos en 5 días” organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ávila.   -Unha nova Asociación de Amigos do Camiño de Santiago vén de crearse en Croacia.

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, pronunciou hoxe en Ávila unha conferencia sobre o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela.

Nesta conferencia, ademais de disertar sobre o fenómeno xacobeo e a peregrinación de San Francisco, presentou a programación que Turismo de Galicia a traveso da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo organizou ao longo deste ano 2014 para a conmemoración do oitavo centenario da peregrinación a Compostela do Santo. Sánchez Bargiela reuniuse, así mesmo, con representantes das Asociación de Amigos do Camiño na zona e de entidades relacionadas.

A conferencia insírese no contexto dun ciclo titulado 100 Anos en 5 días organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ávila a cargo da tenente de alcalde Sonsoles Sánchez-Reyes. O ciclo recolle cinco conferencias durante esta semana sobre outros tantos centenarios que se cumpren este ano.

Outras conferencias do ciclo son a que se celebra hoxe luns día 10 sobre o Bicentenario do nacemento do Xeral Prim, a cargo da profesora de Historia do IES Isabel de Castilla, Sonsoles Soroa González-Cavada, o IV Centenario da morte do Greco, por Jesús Carrobles Santos, director xeral da Fundación O Greco 2014, o mércores 12, e o Primeiro Centenario da Primeira Guerra Mundial que pronunciará o licenciado en Xeografía e Historia Fernando Martínez Ruiz-Ayúcar o xoves 13 de febreiro.

Nova Asociación de Amigos do Camiño en Croacia
Na reunión do Intergrupo Camiños de Santiago do Parlamento Europeo celebrada o pasado día 6, o eurodeputado croata Davor Stier expuxo a situación do Camiño de Santiago en Croacia. O presidente do Intergrupo é o eurodeputado galego Francisco Millán Mon, o cal informou na reunión do crecente interese das rutas xacobeas. Davor Stier informou da creación en Croacia dunha Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e sinalou a importancia da catedral de Santiago na cidade de Sibenik, declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO. Tamén dixo que en todas as rexións croatas existe unha igrexa de Santiago e aseverou que o número de peregrinos croatas aumenta constantemente.

Pola súa parte, o presidente deste Intergrupo, o eurodeputado galego Francisco Millán Mon, proporcionou aos seus colegas datos sobre o estado das peregrinacións xacobeas, informando do notable incremento do número de peregrinos que superaron no 2013 os 215.000 o que supuxo un aumento do 12% con respecto ao ano anterior. Tamén dixo Millán Mon a gran porcentaxe de estranxeiros que reciben a Compostela, un 54% do total.

Ademais, Millán Mon lembrou na reunión a recente exposición celebrada na sede do Parlamento Europeo sobre o 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que se está a celebrar durante todo o ano 2014 cunha programación específica. Esta exposición foi organizada por Turismo de Galicia e a súa directora, Nava Castro, acudiu á inauguración

Arriba