28 nov 2016

A revista Pergrino recibe o premio internacional APECSA 2016

A revista, editada desde 1987 pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recibiu o premio nun acto celebrado no Mosteiro de Samos

O xurado valorou positivamente os traballos presentados e, por unanimidade, outorgoulle o premio á revista polo seu labor de difusión e promoción dos valores xacobeos

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, asistiu hoxe a entrega do “Premio Internacional APECSA 2016” da Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago á revista “Peregrino”.

A revista, editada desde 1987 pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e dirixida por José Antonio Ortiz, recibiu o premio  no Mosteiro de Samos.

A edición deste ano, 2016, está dedicada in memoriam ao profesor, estudoso e académico británico David Mackenzie que, ademais do seu labor a favor da lingua e a cultura galegas no mundo anglosaxón, foi un dos promotores, en 1992, do Comité Británico Proxacobeo.

O xurado valorou positivamente os traballos presentados e, por unanimidade, outorgoulle o premio á revista Peregrino polo seu labor de difusión e promoción dos valores xacobeos.

O traballo premiado abarca os doce números da revista editados nos anos 2014 e 2015, exemplares que se enmarcan nun proxecto editorial moito máis amplo, que se remonta ao ano 1987, data da publicación do primeiro número da revista Peregrino, continuadora do traballo iniciado por Elías Valiña Sampedro coa edición do Boletín do Camiño.

A través dos 166 números e os máis de cinco mil exemplares editados, o conxunto da colección converteuse nunha extraordinaria canle de promoción do fenómeno xacobeo e do Camiño de Santiago, grazas á orixinalidade dos seus artigos redactados por historiadores, teólogos, antropólogos ou escritores que foron previamente peregrinos e, por outra banda, grazas á distribución da revista, que se realiza por subscrición entre todos os membros das asociacións españolas federadas, así como doutras asociacións nacionais e estranxeiras.

A cobertura divulgativa da revista Peregrino alcanza tamén ás institucións públicas e eclesiásticas e, obviamente, a peregrinos e lectores en xeral, xa que está catalogada dentro da temática xacobea nas principais bibliotecas nacionais e internacionais, quedando sobradamente acreditada o seu labor divulgativo a favor do Camiño de Santiago.

Arriba