18 out 2017

Blogueiros británicos visitaron Galicia para coñecer o produto turístico ‘Adegas e Pazos’

 Trátase dunha das accións de promoción da marca ‘España Verde’ para a promoción internacional das comunidades autónomas do norte

 
A demanda turística dos británicos nos oito primeiros meses do ano mostrou un comportamento positivo, cun incremento da cifra de viaxeiros aloxados do 13%

 Un grupo de blogueiros procedentes de Gran Bretaña visitaron a Comunidade galega para coñecer o produto turístico Adegas e pazos, relacionado co patrimonio rural e o enoturismo en Galicia. Estes comunicadores especializados en viaxes e gastronomía chegaron procedentes de Asturias, logo de percorrer os territorios do País Vasco e Cantabria.

Deste xeito, os blogueiros que visitaron Galicia na temporada outonal son: Brian James Cox, de thetravelvlogger.com; Claudia Tavani, de myadventuresacrosstheworld.com; Ian Mallory, de malloryontravel.com; David Benjamin Holbrook, de urbantravelblog.com; Nina Danielle Ragusa, de whereintheworldisnina.com; e Emily Jane Gough, de alongdustryroads.com.

Na súa estadía en Galicia, tiveron a oportunidade de coñecer cinco pazos galegos que contan con adega así como outras contornas relacionadas co patrimonio arquitectónico rural e os seus xardíns.

Esta acción de difusión está incluída dentro do programa de promoción anual da marca turística España Verde da que forman parte as catro comunidades autónomas do norte de España para promoverse conxuntamente no exterior.

Demanda turística

Polo que respecta á demanda turística británica durante os oito primeiros meses do ano, esta mostrou un comportamento positivo, con incrementos tanto da cifra de viaxeiros aloxados –do 13%– coma do volume de noites –do 10,4% neste caso–.

Con algo máis de 49.000 viaxeiros aloxados e preto de 94.000 noites, o mercado británico representou neste período o 6,5% do total internacional. Gran Bretaña é o sexto mercado en orde de importancia para a Comunidade galega.

 

 

 

 

 

Arriba