03 nov 2020

Aberto o prazo de inscrición para un curso de formación en liña sobre turismo sostible e financiamento na Unión Europea

A iniciativa, que terá lugar entre o 9 e o 13 de novembro, vai dirixida a profesionais en situación de desemprego, período de formación ou mellora laboral de Galicia ou do Norte de Portugal

Inscríbese dentro do proxecto europeo LIDERA, que ten entre os seus obxectivos promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades e o emprendemento da mocidade
 
Esta iniciativa terá lugar entre os días 9 e 13 de novembro.

A Fundación Galicia Europa vén de abrir o prazo de inscrición para o curso de formación en liña Novas estratexias para un turismo sostible. As empresas turísticas, a súa evolución, futuro e liñas de financiamento na Unión Europea. A iniciativa, que terá lugar entre o 9 e o 13 de novembro, oferta un total de 20 prazas, que se outorgarán por orde de inscrición. Os interesados poden anotarse a través do seguinte enlace.

O obxectivo do curso é presentar novas habilidades e competencias aos profesionais do sector turístico, que faciliten a adaptación ao momento actual a través de ideas innovadoras e creativas, apoiadas nas novas tecnoloxías e ferramentas de servizos. Así, búscase mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xuventude, mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación personalizada, e coaching persoal tanto ao largo do curso como posteriormente.
 
A actividade vai dirixida a profesionais en situación de desemprego, período de formación, mellora laboral, ou adaptación da súa iniciativa económica ou emprendedora, da Galicia ou do Norte de Portugal. A asistencia será obrigatoria a todas as sesións para poder optar ao diploma de asistencia. Ao final dos obradoiros haberá unha sesión práctica na que deberán participar os alumnos.
 
Proxecto LIDERA
O curso é unha actividade do proxecto LIDERA, que se enmarca no programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP). Está dotado cun orzamento de 1,4 millóns de euros e conta cun financiamento do 75 % de fondos FEDER e unha duración de cinco anos (2016-2020).
 
O seu obxectivo é promover o desenvolvemento económico transfronteirizo en Galicia e o norte de Portugal a través do fomento das capacidades laborais e de emprendemento da mocidade. As actividades impulsadas por LIDERA están orientadas a loitar contra o desemprego xuvenil, a fuga de talento e conceder as ferramentas necesarias para que este colectivo sexa un motor de pulo económico destas rexións.
 
Son socios do proxecto: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; Fundación Galicia Europa; Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela; Instituto Português do Desporto e da Xuventude (IPDJ) e a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
 
Arriba