03 nov 2020

A Xunta ofrecerá axudas ao sector turístico pero solicita a implicación das restantes Administracións

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo  unha reunión cos representantes do Clúster de Turismo

Alfonso Rueda destacou que as medidas tomadas na nosa comunidade son restricións sanitarias en zonas concretas acordadas dentro do comité clínico e que teñen como única finalidade preservar a saúde de todos os galegos e galegas
 
O turismo reclama a axuda do Goberno central para a redución do IVE turístico ao 4% e o mantemento dos Ertes, e a dos concellos, coa bonificación de diversas taxas municipais
 
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, indicou que a Consellería de Emprego e Igualdade está preparada para atender de xeito áxil as solicitudes de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que cheguen do sector hostaleiro
 
Reunión co sector turístico galego.

 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que a Xunta ofrecerá axudas ao sector turístico, un dos que esta sendo mais afectado pola pandemia, pero solicitou a necesaria implicación de todas as Administracións.

Alfonso Rueda mantivo unha reunión cos representantes do Clúster de Turismo, cos que o titular da Vicepresidencia primeira se vén reunindo de maneira regular para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e necesidades nestes momentos. A día de hoxe, segundo indicou o vicepresidente primeiro, a situación non é doada e agradeceu a responsabilidade de todo o sector.

Ao respecto, reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector turístico que está sendo especialmente afectado pola crise sanitaria. Lembrou, así, que Galicia puxo en marcha, entre outras iniciativas, o programa ‘Galicia destino seguro’, dotado con 8 millóns de euros, e que incluíu unha batería de medidas de apoio a estes negocios para adaptarse a esta nova situación.

Rueda destacou que cómpre recordar que as medidas tomadas na nosa comunidade dende o pasado venres son restricións sanitarias, en zonas concretas acordadas dentro do comité clínico, que teñen como única finalidade preservar a saúde de todos os galegos e galegas.

O vicepresidente primeiro e o sector turístico reclamaron a axuda do Goberno central para a redución do IVE turístico ao 4% e o mantemento dos Ertes. Ademais, reclamaron a bonificación de diversas taxas municipais por parte dos concellos galegos, tal e como vén tamén reclamando o sector dende fai tempo.

Finalmente, Alfonso Rueda indicou que “entre todos debemos intentar acadar un horizonte, garantindo a saúde, aínda que sexa aceptando agora medidas duras que farán que nuns meses poidamos manter a actividade turística, e que Galicia sega sendo un destino seguro”

 
Arriba