16 nov 2020

A Xunta publicará as primeiras axudas para a hostalería e o turismo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pecharon a rolda de contactos con todos os subsectores para escoitar as súas necesidades

As reunións cos representantes do sector serviron para introducir melloras nas convocatorias
 
Reclama de novo a implicación de todas as administracións para apoiar este sector, especialmente afectado pola pandemia
 
O vicepresidente 1º e a conselleira de Emprego e Igualdade, na xustanza co sector.

A Xunta comezará a publicar esta semana as convocatorias das axudas ás que se poderán acoller o turismo e a hostalería, dous sectores que están resultando especialmente afectados polas consecuencias da pandemia.

Así o anunciou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, logo de pechar a semana de contactos cos diferentes subsectores que os conforman: hostalería e restauración, aloxamentos, axencias de viaxes, cámpings ou o turismo complementario. Nos encontros tamén participaron técnicos da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante os encontros, os responsables da Xunta explicaron aos representantes do sector cales serán as axudas que habilitará a Administración autonómica e como se poderá optar a elas. Ao mesmo tempo, tal e como explicou o vicepresidente, as xuntanzas serviron para escoitalos e “introducir as melloras que sexan necesarias para que, cando se publiquen as ordes, sexan o máis útiles e rápidas posibles”.

Neste sentido, precisou que esta semana cando comecen a publicarse as primeiras convocatorias de axudas. A previsión é que todas estean publicadas antes de que remate o mes de novembro.

Cómpre recordar que a Xunta anunciou tres liñas de axudas directas ás que se poderá acoller o sector, compatibles entre si. As axudas, da Consellería de Emprego e Igualdade, van destinadas a persoas traballadoras autónomas, microempresas e autónomos con persoal contratado e unha específica para o sector da hostalería pechado. Suman preto de 80 millóns de euros.

Así, as axudas aos establecementos hostaleiros máis afectados poderían ir desde un mínimo de 2.200 ata un máximo de 7.200 euros.

Ademais, o Goberno galego aprobou onte no Consello da Xunta, a iniciativa da Vicepresidencia segunda, unha nova liña de préstamos para achegar liquidez aos autónomos, microempresas e pemes, entre as que se atopan o ocio nocturno ou a hostalería. Trátase de facilitar créditos de entre 3.000 e 500.000 euros a cada negocio para que poidan atender os pagos de salarios, alugueiros ou impostos.

En definitiva, a Xunta está a realizar un apoio decidido ao sector. “Fixemos este traballo porque somos conscientes da súa importancia e do dano que está pandemia lles está producindo. Queremos que teñan futuro. Galicia necesita que teñan futuro”, explicou o vicepresidente primeiro.

Por iso, insistiu en volver reclamar a implicación do resto de administracións para ofrecer un apoio transversal: tanto do Goberno central, con medidas como a redución do IVE turístico; como das deputacións e concellos, con axudas directas ou aprazamento de tributos. “O esforzo da Xunta ten que ser moi importante e vai selo, pero precísase da implicación do resto de administracións”, concluíu o vicepresidente primeiro.

 

Arriba