22 dec 2020

O proxecto 'Acende o Xacobeo' da Xunta permitirá iluminar case un cento de monumentos como conta atrás cara o Xacobeo 2021

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación da iniciativa, que inclúe a iluminación de 41 edificios emblemáticos en concellos galegos polos que pasa o Camiño de Santiago e noutros 50 doutras 10 comunidades autónomas que colaboran na iniciativa

 
A iluminación na comunidade galega levarase a cabo desde o 22 ao 31 de decembro en tres fases co acendido dos edificios máis singulares de cor azul, co logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela
 
Alfonso Rueda destacou que o Ano Santo supón unha oportunidade para proxectar a imaxe de Galicia no exterior, a través dun elemento de referencia tanto a nivel nacional como internacional como é o Camiño de Santiago
 
Presentación de #AcendeOXacobeo

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación do proxecto “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 91 monumentos singulares de toda España como conta atrás do inicio do Ano Santo o día 31 de decembro coa apertura da Porta Santa. Ao acto tamén asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Trátase de 41 monumentos representantivos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola comunidade galega, aos que se suman 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa.

A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –do 22 ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.

Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou que o Xacobeo 2021 que comeza nunhas semanas suporá unha oportunidade histórica para a reactivación do sector turístico e da economía galega e tamén para proxectar Galicia no exterior, a través dun elemento de referencia tanto a nivel nacional como internacional como é o Camiño de Santiago. Por iso, outra das iniciativas da programación inclúe a instalación de varias mouteiras doadas pola Xunta en lugares emblemáticos do mundo con vinculación cos galegos no exterior como a inaugurada esta semana na cidade de Bos Aires.

Alfonso Rueda apelou á implicación de todos os concellos galegos nun Xacobeo diferente e descentralizado debido á covid-19 pero o mellor dos Xacobeos posibles, do que asegurou que tódolos turistas e peregrinos que se acheguen a Galicia van poder desfrutar con tódalas garantías grazas a todas as medidas levadas a cabo para contar cun Camiño Seguro.

Arriba