A Xunta destaca as cifras de ocupación nesta Semana Santa nas que Galicia acadou unha ocupación media do 85% chegando ao 100% nalgunhas zonas
As reservas de última hora e o bo tempo impulsaron aos viaxeiros de última hora que escolleron Galicia como destino, o que permitiu rematar a Semana Santa cunha ocupación superior ás previsións establecidas polo sector
O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa no 85%, chegando o 100% nalgunhas zonas.
O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional aínda que nalgúns destinos, como Santiago de Compostela e A Coruña, a proporción do turista internacional foi superior á media. Destaca o incremento do turismo interno, xa que moitos cidadáns galegos se animaron a viaxar pola comunidade durante a Semana Santa.
Ocupación por provincias
Na cidade da Coruña cumpríronse as previsións para estas datas, alcanzando unha porcentaxe do 80% de ocupación hoteleira. A maior parte dos visitantes que tivo a cidade herculina durante a Semana Santa foron de orixe nacional, se ben xa comeza a chegar algún turista internacional. Pola súa banda, na Costa da Morte destacan positivamente tanto a afluencia de visitantes como o consumo en servicios de aloxamento e restauración, así como a chegada de excursionistas e turistas de orixe galego.
En Santiago de Compostela a taxa de ocupación situouse nun 75% para o conxunto da cidade entre o xoves e o domingo. O turista maioritario foi o nacional e comeza a notarse a chegada de viaxeiros internacionais, especialmente ingleses e italianos. Ademais, destacan a afluencia de excursionistas galegos. En Ferrol, onde a Semana Santa está declarada de Interese Turístico Internacional, moitos establecementos, tanto os localizados na cidade como nas localidades próximas, tamén se alcanzaron valores moi positivos, especialmente entre o xoves e o domingo, cando moitos locais colgaron o cartel de completo.
A provincia de Lugo remata a Semana Santa superando as previsións para estes días. A cidade de Lugo alcanzou o 84% de ocupación, dato que aumenta ata o 89% na zona da Mariña. Tamén na Ribeira Sacra se superaron os prognósticos, superando o 90% de ocupación nos días festivos.
En Ourense alcanzouse o 80% de ocupación durante estes días. A boa climatoloxía favoreceu a chegada de turistas e as reservas de última hora, especialmente entre o xoves e o domingo.
Tanto na provincia de Pontevedra como na cidade de Pontevedra a ocupación media situouse ao redor do 75% para toda a semana, dato que se achega ao 80% nas xornadas do xoves, venres e sábado. Cifras similares recóllense na área de Vigo, onde se rexistrou unha ocupación media do 70% para toda a semana e do 80-85% entre o xoves e o sábado. Tamén en Baiona esta porcentaxe aproximouse ao 80% durante os días festivos.
En Sanxenxo a ocupación alcanzou o 77,98%, dato que se incrementa se se consideran os hoteis de catro e tres estrelas (cun 86,29% e 80,25%, respectivamente). As fontes consultadas na zona destacan positivamente o consumo en outro servizos turísticos complementarios e que neste 2023 houbo máis establecementos abertos ao público na localidade.
Camiño de Santiago
O Camiño de Santiago está a acadar cifras récord moi por riba das do ano pasado, que xa foi o que contou con máis peregrinos da historia. A estas alturas do ano chegaron un 78% máis de peregrinos que o ano pasado. No que vai de ano chegaron a Santiago máis de 31.000 peregrinos, dos cales máis de 15.000 só neste mes de abril.
Ademais, os establecementos situados no transcurso das diferentes rutas xacobeas alcanzaron altos porcentaxes de ocupación.