18 abr 2023

O Centro superior de hostalería de Galicia leva a cabo un plan de formación con máis de 1.200 prazas para as empresas turísticas e hostaleiras

 O Plan de Competitividade dixital e sostible de Galicia inclúe unha ferramenta de autodiagnóstico das empresas do sector turístico que lles permitirá coñecer o estado actual da súa empresa, identificar áreas críticas, facer análises comparativos con outras empresas similares e concretar estratexia e definir obxectivos

Deseñáronse accións formativas que cada empresa selecciona en función das súas necesidades, como marketing dixital, plataformas e servizos na nube, sustentabilidade e ciberseguridade
 
O plan conta con máis de 45.000 horas de formación.

 O Centro Superior de Hostalería de Galicia ten en marcha un plan de formación en liña para o sector turístico galego, baseado no asesoramento personalizado a empresas turísticas e hostaleiras en áreas concretas, nas que poderán recibir asesoramento puntual e específico para a área do seu negocio que desexen mellorar. Conta con 1.228 prazas, 45.360 horas de formación e 112 horas de asesoramento.

O Plan de Competitividade dixital e sostible de Galicia inclúe unha ferramenta de autodiagnóstico das empresas do sector turístico de Galicia que lles permitirá coñecer o estado actual da súa empresa, identificar áreas críticas, facer análises comparativos con outras empresas similares, concretar a estratexia e definir obxectivos.
 
Para mellorar o estado actual das empresas, deseñaronse accións formativas que cada empresa poderá seleccionar en función das súas necesidades, entre as que se atopan 14 micro píldoras de formación de 1 hora de duración, divididas en 4 áreas: marketing dixital, plataformas e servizos na nube, sustentabilidade e ciberseguridade.
 
O Plan de Formación de Idiomas consta de cursos de inglés en 12 niveis, alemán A1, portugués A2, francés A1 e italiano A1. No bloque de sustentabilidade e asesoramento personalizado, haberá formación en economía rexenerativa e na xestión da eficiencia enerxética.
 
O Plan conta tamén con formación sobre estratexia orientada ao cliente e asesoramento personalizado en como conectar co mercado de clientes e como deseñar os prezos. Ademais de programas de formación dixital, como un curso práctico no uso de Tiktok, sobre estratexia e publicidade en Facebook, sobre a creación dunha canle de Youtube, sobre fotografías co smartphone, snapseed e Google Fotos, sobre Whatsapp Business para o negocio turístico e cursos slide e Google docs na ofimática de Google, así como ciberseguridade e legalidade no entorno dixital e na empresa, ou de creación de produtos e experiencias sostibles.
 
Arriba