25 abr 2023

Aposta pola sostibilidade no Camiño de Santiago a través do Proxecto Lugares

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do proxecto que tivo lugar nas covas de Seadur

Mediante este proxecto se propón, imaxinar e deseñar intervencións paisaxísticas e arquitectónicas sostibles, con materiais naturais e de proximidade, coa intención de poder implantalas en territorios atravesados pola ruta xacobea
 
Participantes no Proxecto Lugares.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do obradoiro levado a cabo ao abeiro do Proxecto Lugares, unha iniciativa impulsada pola Xunta e a Fundación “La Caixa” coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público do Camiño de Santiago.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia explicou que este proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo, propón, da man da comunidade local, imaxinar e deseñar intervencións paisaxísticas e arquitectónicas sostibles, con materiais naturais e de proximidade, coa intención de poder implantalas en territorios atravesados pola ruta xacobea.

As covas de Seadur acolleron o obradoiro do proxecto para a transmisión de técnicas e coñecementos de arquitectura, deseño, paisaxe e artesanía, e poder levar a cabo unha maqueta ou prototipo dunha posible intervención nun espazo público do Camiño de Santiago.

Nava Castro indicou a importancia de poder levar a cabo proxectos como este que contribúen a fortalecer mediante actuacións paisaxísticas o Camiño de Santiago para poñer en valor e transformar dun xeito sostible un dos itinerarios máis transitados do mundo.

O Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar no contexto do Camiño de Santiago, coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027. Aúna mediante un enfoque ambiental, sostible e inclusivo, novas experiencias nos viaxeiros que conforman a ruta Xacobea.

 

Arriba