22 abr 2024

Turismo de Galicia promove entre o sector turístico galego sesións formativas para poñer en marcha o maior corredor ecoturístico de Europa no norte peninsular

Marinas e Mandeo

Galicia acolle esta semana a celebración de distintos obradoiros formativos dirixidos ao sector turístico galego para a posta en marcha do que é o maior corredor ecoturístico de Europa no norte peninsular, co apoio da Xunta de Galicia. Trátase da iniciativa na que Galicia participa en colaboración co resto de comunidades autónomas da marca turística da España Verde.

 

Así, este luns celebrouse a primeira xornada en Santiago de Compostela dirixida ás empresas acreditadas coa Carta Europea de Turismo Sustentable da Federación Europarc no Parque Nacional das Illas Atlánticas e ás empresas vinculadas á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O martes a cita é en Sober (Lugo), para empresas participantes no proceso de acreditación en ecoturismo e sustentabilidade na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucense, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, así como do Xeoparque Montañas do Courel.

 

Os obradoiros forman e orientan ás empresas participantes no deseño de experiencias de ecoturismo que cumpren uns estándares e criterios de sustentabilidade, contribución á conservación da biodiversidade e apoio ao desenvolvemento local. O proxecto impúlsao Galicia e o resto de Comunidades autónomas da España Verde (Asturias, Cantabria e Euskadi) e conta cun orzamento de máis de 900.000€ de fondos Next Generation.

 

 

Con este proxecto búscase a creación e promoción turística de experiencias de ecoturismo a través dunha gran ruta que serve para poñer en valor os espazos naturais protexidos onde as empresas turísticas participantes configurarán estas experiencias. Trátase dunha oportunidade para que Galicia avance nun modelo turístico sustentable desde o punto de vista social e ambiental e para reforzar o impulso turístico do rural. A conclusión do proxecto está prevista para novembro de 2024.

Arriba