06 mai 2024

A Xunta abre o prazo de inscrición para asistir ao XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos ‘Metrópoles: Santiago e Roma. 900 anos de historia’

XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de inscrición para asistir ao XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos que terá lugar desde o 26 ata o 29 do vindeiro mes de xuño no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela.

 

Baixo o título de Metrópoles: Santiago e Roma. 900 anos de historia, e organizado por Turismo de Galicia a través do Xacobeo, a presente edición do Congreso terá o foco nas relacións entre ambas cidades, estudando, ademais do impacto na peregrinación xacobea, cuestións como a lexitimación dos votos, a Reconquista e as ordes militares, a posición da cidade compostelá durante o Gran Cisma do Occidente e a influencia española e santiaguesa durante o século XVI en Roma.

 

Tamén se analizará a concepción da palabra metrópole e todos os aspectos que esta abrangue, dado que baixo esta denominación, Santiago de Compostela moldeouse como unha metrópole tanto da peregrinación como da cultura.

 

O Congreso estará coordinado por Klaus Hebers, catedrático de Historia Medieval e Ciencias Auxiliares na Universität Erlangen-Nürnberg, de Alemaña, e membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e nel participarán una gran número de especialistas internacionais de diferentes disciplinas coa finalidade de obter unha visión de conxunto dunha cuestión que implica un abano temporal superior aos mil anos.

 

A iniciativa, organizada coa colaboración de ABANCA Obra Social e promovida polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, manterá o prazo de inscricións en vigor ata o vindeiro 21 de xuño, polo que as persoas que desexen inscribirse poderán facelo enviando o formulario dispoñible na web do Camiño de Santiago ao enderezo cultura.xacobeo@xunta.gal. 

 
Arriba