22 feb 2016

A directora de Turismo de Galicia presenta ao sector os avances do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago

Durante o encontro, a responsable de Turismo da Xunta destacou que o Plan constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia

A directora de Turismo de Galicia sinalou que, ao igual que na súa realización, na posta en marcha do Plan continúase coa aposta pola colaboración e coordinación público-privada e interadministrativa buscando involucrar a todos os axentes no desenvolvemento do mesmo

Nava Castro pediu aos representantes do sector a súa colaboración para traballar de maneira coordinada e cun mesmo obxectivo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión co presidente do Clúster de Turismo de Galicia e diversos representantes do sector e do departamento que dirixe para presentar os avances do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago e as próximas accións a realizar.

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia destacou que o Plan supón unha ferramenta de xestión para a Xunta de Galicia e para todos os axentes implicados na Ruta Xacobea.

Neste senso, sinalou que constitúe unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na nosa comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo.

A responsable de Turismo da Xunta explicou aos representantes do sector que o Plan Director do Camiño de Santiago constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia.

Neste senso, Nava Castro resaltou que para a realización do Plan Director do Camiño procurouse a máxima participación dos axentes e sectores implicados sendo consultados un total de 170 organizacións e 220 persoas, representantes de Administracións Públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, turoperadores, hostaleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que na posta en marcha do Plan continúase con esta aposta pola colaboración e coordinación público-privada e interadministrativa buscando involucrar a todos os axentes no desenvolvemento do mesmo.

Así, pediu aos representantes do sector a súa colaboración para traballar de maneira coordinada e cun mesmo obxectivo: acadar no 2021 un Camiño de Santiago xestionado integralmente por todas as administracións e axentes implicados, hospitalario, sostible social, económica e medioambientalmente, protexido e conservado, que satisfaga as necesidades do peregrino e cumpra as súas expectativas, conectado globalmente e accesible, xerador de coñecemento e que internacionalmente a marca Galicia.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou as principais actuacións que xa foron realizadas no marco deste Plan como o Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Compostela, a aprobación do decreto da sinalización do Camiño de Santiago ou o programa Vivendas no Camiño’, a liña de axudas para a rehabilitación integral das vivendas situadas nos concellos polos que transcorre a ruta, entre moitas outras. 
 

Arriba