Forma conxunto arquitectónico co pazo de Cumbraos. Posúe o típico trazado románico de nave de altura máis elevada e ábsida de menores dimensións, ambas de planta rectangular con muros de cantería de granito e cuberta de tella a dúas augas.
A portada ten arco de medio punto de arquivolta tórica e ancha escocia, columnas con fustes dunha soa peza, capiteis decorados e tímpano liso. A espadana é dun só van.
Nas paredes exteriores da nave hai canzorros con decoracións variadas e dúas seteiras en arco de medio punto sen ornamentación. A que se achaba no arco triunfal, con abucinamento, foi tapiada. Na ábsida existe tamén unha ventá seteira cun arco que non posúe columnas nas que apoiarse, senón que descarga sobre o muro.
Na liña do arco triunfal (de medio punto, lixeiramente peraltado e de sección rectangular) hai dous enterramentos pertencentes á casa da Torre, que se atopa nas inmediacións, co escudo de armas nunha delas. No interior consérvase unha pía bautismal de granito, con decoración de sogueado no bordo superior.
O retablo da capela maior é de estilo rococó e presenta a seguinte inscrición: este retablo pintouse sendo cura o s.d. Manuel Castro Pérez no ano de 1878.