26 xuñ 2017

Nava Castro defende que a vontade de acoller no Camiño de Santiago “non entende de fronteiras nin de barreiras”

 A accesibilidade na ruta xacobea mellorará nos próximos dous anos tras analizar 50 etapas, 200 establecementos de hospedaxe e 80 puntos de interese turístico

 
A directora de Turismo de Galicia reflexionou sobre a ‘Acollida e hospitalidade no Camiño’ nunha conferencia, invitada pola Archiconfraría Universal do Apóstolo
 

 A directora de Turismo de Galicia defendeu  a importancia de estender a capacidade de acollida no Camiño de Santiago a toda a sociedade porque a vontade de acoller “non entende de fronteiras nin de barreiras”. Así o afirmou na conferencia inaugural do ciclo de verán Onde vas, peregrino? organizado pola Archiconfraría Universal do Apóstolo no Hostal dos Reis Católicos na capital galega.

Nunha charla titulada Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago, Nava Castro avanzou algúns dos contidos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago, que prevé actuacións de mellora na ruta xacobea nos dous próximos anos. Esta folla de ruta, abordada no pasado Consello da Xunta, aspira a converter a Galicia nun referente do turismo inclusivo e ten no Camiño de Santiago un ámbito de acción especialmente destacado neste sentido.

As melloras poranse en marcha despois de avaliar o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas e analizar a situación en preto de 200 establecementos de hospedaxe e 80 puntos de interese turístico. Entre outras medidas, haberá un impulso formativo aos profesionais que atenden aos peregrinos, con cursos de atención a persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade e tamén relacionados coa normativa e a avaliación da accesibilidade.

Castro lembrou que desde Turismo de Galicia xa se promoveron iniciativas para acadar total accesibilidade en baños e habitacións en máis de 20 albergues da rede pública, nos que se está a instalar sinalización táctil. A adecuación dos accesos ou a elaboración de planos comprensibles e folletos en lectura doada son algunhas das liñas de traballo previstas.

A directora de Turismo repasou na súa charla outras das accións desenvolvidas no Camiño de Santiago para favorecer a seguridade dos peregrinos e a protección e o coidado ao medio ambiente nas distintas etapas nun contexto de crecemento e internacionalización da ruta.

Esta vitalidade do Camiño de Santiago está a ser acompañada desde a Xunta de Galicia con novas infraestruturas como albergues en rutas como o Camiño Primitivo ou na Vía da Prata, a mellora dos existentes e a construción de espazos como o Centro de Acollida ao Peregrino en Santiago de Compostela, que responden as necesidades actuais da ruta xacobea. 

 
Arriba