14 out 2013

Turismo inaugura en Xénova dúas mostras no marco do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A exposición, que leva por título ‘Nel segno del Tau e della Conchiglia. Il pellegrinagio di San Francesco a Santiago: Tradizione e attualità’ ilustra por medio de fotografías o percorrido entre Asís e Compostela ao longo do Camiño que transcorre por Italia, Francia e España, e está comisariada polo presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci Von Saucken.
 
A mostra ‘I francescani e la buona tavola nelle terre dell’Apostolo’ aborda a gastronomía e a enoloxía nos Camiños de Santiago.
 
Ademais das exposicións, Xénova acollerá unha representación de teatro de rúa titulada ‘San Francisco e os paxaros’ a cargo do grupo Os Quinquilláns, así como unha conferencia de Paolo Caucci sobre a peregrinación do santo de Asís a Santiago e mais un concerto da Orquesta de Cámara de Galicia
Dúas exposicións organizadas por Turismo de Galicia a través do Xacobeo, en colaboración co Comune de Génova, abren as súas portas ao público da cidade de Xénova. A primeira das mostras titúlase Nel segno del Tau e della Conchiglia. Il pellegrinagio di San Francesco a Santiago: Tradizione e attualità, e forma xa parte do programa de celebracións que se desenvolve con motivo do aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, un evento que ten acadado a consideración de Acontecemento de Especial Interese e que agrupa un calendario de actos con Galicia e o Camiño de Santiago como eixo de referencia.
 
A exposición está comisariada por Paolo Caucci Von Saucken, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático de Cultura Hispánica na universidade italiana de Perugia, considerado un dos maiores expertos mundiais nas peregrinacións xacobeas.
 
O proxecto expositivo consta de 50 fotografías que ilustran o percorrido entre Asís e Santiago de Compostela, destacando os lugares, lembranzas, signos franciscanos e de peregrinación ao longo do Camiño entre Italia, Francia e España. Tamén recolle aspectos esenciais desta grande civilización que xurde froito da peregrinación: o Camiño diante de todo, pero tamén as paisaxes, as igrexas, as pontes e construcións que franquean o percorrido, os albergues que acollen aos peregrinos e o peregrino mesmo que, agora coma sempre, é quen da sentido, unidade e significado ao conxunto.
 
De forma simultánea mostrarase o segundo proxecto expositivo, titulado Os franciscanos e o bo xantar na terra do Apóstolo. Un percorrido polo xerme da Orde Franciscana así como polas fundacións e conventos que se poden atopar en Galicia. O punto central desta segunda mostra é o viño e a gastronomía nos Camiños de Santiago en Galicia, así como a achega da Orde Franciscana nas distintas manifestacións enolóxicas e gastronómicas inseridas xa no acervo cultural da Comunidade.
 
Programación complementaria

Ademais do acto inaugural da mostra, que estará precedido por unha presentación dos actos do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e dunha conferencia a cargo de Paolo Caucci von Saucken no Palazzo Tursi de Xénova, terá lugar unha representación teatral na Piazza Matteoti a cargo do grupo Os Quinquilláns baixo o título San Francisco e os paxaros.
 
Mañá, 12 de outubro, celebrarase un concerto de música española a cargo da Orquesta de Cámara Galega coa solista Rita Masato no Palazzo Ducale da cidade de Xénova, con partituras de eminentes compositores hispanos como Falla, Albéniz e Sarasate, ademais do galego Rogelio Groba.

Feira Via Sacre Expo Fest en Foggia

Turismo de Galicia participará na terceira edición da feira relixiosa e cultural Vía Sacre Expo Fest que se celebrará na localidade italiana de Foggia entre os días 17 e 20 de outubro. A feira, que se define como “primeiro evento dedicado á paisaxe cultural” sitúase nas instalacións da Fiera di Foggia, na rúa do Mezzogiorno desta cidade italiana. O obxectivo da feira é a “exaltación da identidade cultural, ética e histórica das áreas sociais e económicas a traveso do desenvolvemento dos “Destinos Sostibles (DTS)” e os “Sistemas de Produción Cultural (SPC) ”, e para elo conta con dúas fontes principais de inspiración: os Itinerarios Culturais Europeos do Consello de Europa e as Paisaxes Culturais segundo a definición da UNESCO. Para iso, farase fincapé no patrimonio, no turismo sostible, no medio ambiente, na mobilidade e no descubrimento da excelencia na fabricación de produtos de artesanía e alimentación.
Arriba