11 nov 2013

O Camiño protagoniza a presentación de Turismo de Galicia na embaixada de Tokio no marco das actividades do ‘Ano dual España-Xapón’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, realizou unha presentación no auditorio da Embaixada de España en Tokio sobre a Ruta Xacobea dirixida a estudosos do Camiño de Santiago e da cultura galega así como a membros da Asociación de Amigos do Camiño en Xapón.

Nava Castro mantivo tamén un encontro de traballo coa presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, Tomoko Morioka.

O Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo están irmandados dende o ano 1998. As actividades promocionais desenvolvidas por Turismo de Galicia no país nipón enmárcanse nas actuacións da conmemoración do Ano Dual España-Xapón.

No que vai de 2013, a Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela recibiu a 771 peregrinos procedentes de Xapón e o Instituto Nacional de Estadística contabilizou durante o 2012 9.762 turistas xaponeses que se aloxaron nos establecementos hoteleiros galegos, isto é, un 22,7% máis que os recibidos no ano anterior.

 

Nava Castro, coa presidenta da Asociación de amigos do Camiño en Xapón.

O auditorio da Embaixada de España en Xapón acolleu a presentación da directora de Turismo de Galicia, no marco da celebración do Ano Dual España-Xapón. Turismo de Galicia desenvolveu estes días no país nipón unha serie de accións promocionais sobre o destino, entre as que se encadra esta, orientada a interesados no Camiño de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia ofreceu un relatorio sobre as rutas xacobeas. Ao tempo, o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet ofreceu un relatorio sobre o Camiño e a Gastronomía; a xerente de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud abordou o Camiño dende o punto de vista da aprendizaxe da lingua e a cultura; e o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro falou do Camiño e os peregrinos do século XXI.

A conferencia da directora de Turismo de Galicia tivo como tema central o Camiño de Santiago dende o punto de vista turístico. De modo que, Nava Castro, incidiu especialmente nos aspectos culturais e patrimoniais vinculados ás Rutas Xacobeas. De igual modo, a natureza e a paisaxe como grandes reclamos do destino Galicia centraron boa parte da intervención da directora. Ademais afondou en aspectos vinculados coas Rutas Xacobeas, co fenómeno das peregrinacións e co irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo, que data de 1998.

Nava Castro fixo un percorrido polos diferentes itinerarios históricos así como polo patrimonio vinculado a eles e polo significado de intercambio cultural da civilización europea que ten o Camiño de Santiago.

As infraestruturas e a rede de servizos da Ruta, así como a oferta vinculada a ela existente en Galicia; ou os produtos turísticos que xurdiron arredor do Camiño –como o Bono Iacobus que combina gastronomía, Camiño e turismo rural en Galicia- foron algúns dos aspectos abordados pola directora de Turismo de Galicia na súa intervención. Ao tempo, Nava Castro incidiu no feito de que Galicia acolle dende mediados deste ano os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Encontro coa presidenta da Asociación de Amigos do Camiño en Xapón
A presentación centrada nas Rutas Xacobeas contou tamén coa presenza e intervención da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, Tomoko Morioka, con quen a directora de Turismo de Galicia mantivo un encontro previo no que se abordaron as posibles vías de colaboración, así como as futuras iniciativas conxuntas que se poden levar a cabo a través deste colectivo tan importante para a difusión e internacionalización dos Camiños de Santiago.

Peregrinos e turistas xaponeses en Galicia
Durante o ano 2012 aloxáronse nos establecementos hoteleiros galegos un total de 9.762 turistas xaponeses. A cifra superou nun 22,7% aos recibidos o ano anterior. De igual modo, a cifra de peregrinos xaponeses que recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da Rúa do Vilar alcanzou no que vai de ano os 771.

Entre eles os mozos que no pasado mes de agosto, grazas á iniciativa da Asociación xaponesa do Camiño de Santiago, chegaron a Compostela procedentes de Kesennuma, lugar gravemente afectado polo terremoto do Este do Xapón. O obxectivo desa peregrinación foi que a experiencia servira aos mozos como estímulo para emprender a reconstrución das zonas afectadas no seu país.

Peregrinación Shikoku Henro
O pasado mes de agosto, a directora de Turismo de Galicia recibiu tamén en Santiago a unha delegación de peregrinos xaponeses que percorreron a ruta procedentes da Illa de Shikoku, que conta tamén cunha peregrinación milenaria. Turismo de Galicia iniciou deste xeito unha liña de colaboración para a promoción da Ruta Xacobea no país nipón, coincidindo coa celebración do Ano Dual España-Xapón. A peregrinación de Shikoku é coñecida como Shikoku Henro, consiste nun percorrido por 88 templos e conta con 1.200 quilómetros e uns doce séculos de antigüidade. Esta peregrinación iniciouna hai máis de 1.200 anos o gran monxe Kobo Daishi Kukau que realizou este percorrido co obxectivo de levar a cabo unha formación persoal. Cada ano medio millón de persoas realiza esta ruta. A ruta Shikoku pode percorrerse a pé pero tamén en bicicleta, en moto ou en coche. É unha ruta centrada na natureza e na contemplación da paisaxe, así como no patrimonio e a tradición.
 

Arriba