01 mar 2014

Representantes de nove axencias que programan circuítos de carnaval coñecen esta semana os entroidos de Galicia

Turismo de Galicia organizou unha viaxe de familiarización turística para mostrarlles os principais atractivos desta festa na Comunidade galega

Turismo de Galicia realizou tamén un evento de exaltación dos Entroidos tradicionais galegos que contou coa presenza de xornalistas especializados que difundirán as manifestacións festivas tradicionais destes días en Galicia.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia organizou  unha viaxe de familiarización para axencias de viaxe especializadas en programar circuítos turísticos relacionados co carnaval ao obxecto de que os operadores turísticos poidan coñecer a oferta turística neste eido e incluír o Entroido galego nas súas viaxes organizadas.

Deste xeito, nove representantes doutras tantas axencias de viaxe visitan dende o pasado sábado e ata hoxe martes os principais entroidos da Comunidade galega para coñecer as actividades que se desenvolven arredor desta festa.

As axencias que participan nesta viaxe son España Visión, Viajes Iltrida, Sankara, Kebala Viajes, Amarelo Viajes e País Mágico. Ademais, no eido da comercialización turística a través da internet, viaxarán a Galicia representantes dos operadores Muchoviaje, Viajes Jet e Offi Travel.

Turismo de Galicia realizou tamén o día 9 de febreiro un evento de exaltación dos Entroidos tradicionais galegos que contou coa presenza de xornalistas especializados, así como de bloggers e comunicadores das redes sociais, que difundirán as manifestacións festivas tradicionais destes días en Galicia.

Programa complementario
Durante a xornada do sábado, os participantes nesta viaxe de familiarización visitaron a cidade de Ourense para coñecer a súa oferta termal. Pola tarde, visitaron o Santuario de Nosa Señora das Ermidas, no concello do Bolo.

O domingo día 2, desprazáronse ata as vilas ourensás de Laza e Viana do Bolo, onde puideron participar nos principais eventos do Entroido: estrea do peliqueiro, en Laza, e o Desfile de Folións, en Viana do Bolo. Nesta última vila, participaron tamén na Festa da Androlla. O luns, 3 de marzo, os representantes destas axencias de viaxe especializadas achegáronse ata Verín, onde visitaron o Obradoiro do cigarrón, unha adega da Denominación de Orixe Protexida Monterrei e o castelo do mesmo nome. Logo, puideron pasear polas rúas da vila para gozar do Luns fareleiro.

Hoxe martes visitarán o entroio de Cobre, en Vilaboa (Pontevedra).

 

Arriba