23 xuñ 2014

Galicia alcanza un máximo histórico na cifra de viaxeiros recibidos no mes de maio dun Ano non Santo con 344.330, un 13,2% máis que en maio de 2013

A cifra de pernoitas supera por primeira vez dende o ano 2010 as 600 mil noites rexistradas no mes de maio nos establecementos hoteleiros de Galicia. Medraron un 9,1% a respecto de maio do ano pasado.


A suba rexistrada no conxunto do Estado foi dun 4,7% na cifra de viaxeiros e dun 1,4% na de pernoitas.


O turismo internacional aloxado nos establecementos hoteleiros galegos en maio medrou un 25% e o nacional un 4,7%. O turismo internacional rexistra máximos históricos cun 40% dos viaxeiros aloxados en hoteis e con 134.500 viaxeiros e máis de 200 mil pernoitas en maio.

No acumulado do ano, a cifra de viaxeiros medrou en Galicia un 5% a respecto dos cinco primeiros meses de 2013 e a de pernoitas un 2,2%. Tamén no acumulado, o turismo internacional medrou un 5,8% e o nacional, un 2%. Acádanse así máximos históricos.

Os peregrinos recibidos no que vai de ano xa superan en 6.221 os rexistrados en 2013, un 9,23% máis.

Os establecementos hoteleiros de Galicia rexistraron no mes de maio un máximo histórico de viaxeiros aloxados non sendo Ano Santo. Así, 344.330 viaxeiros rexistraron 607.852 pernoitas nos hoteis e pensións de Galicia. Isto implica unha suba a respecto de maio de 2013 do 13,2% na cifra de viaxeiros e do 9,1% na de pernoitas.

Por primeira vez dende o ano 2010 se superan no mes de maio as 600 mil pernoitas nos establecementos hoteleiros de Galicia.

As porcentaxes acadadas neste mes de maio superan a media do conxunto do Estado, se ben, as cifras son tamén positivas dado que se rexistraron en maio en España 8,4 millóns de viaxieros –un 4,7% máis que en maio de 2013- e 26,7 millóns de pernoitas -1,4% máis que en maio do ano pasado.

Con todo, Galicia sitúase entre as comunidades máis dinámicas ocupando a cuarta posición en crecemento da demanda, medida tanto en viaxeiros como en pernoitas. Así, o turismo internacional medrou en maio en Galicia un 25% a respecto de maio de 2013 e o mercado nacional un 4,7%. Estas cifras sitúan o mercado internacional en Galicia en máximos históricos, con 134.500 viaxeiros e 200 mil pernoitas. No mes de maio, o 40% dos viaxeiros aloxados en hoteis e pensións de Galicia son estranxeiros, unha porcentaxe que nunca antes se acadara. O peso en termos de pernoitas deste tipo de mercado sitúase no 33%.

De igual modo, detéctase unha suba do 0,5% nas tarifas hoteleiras en Galicia e un incremento do RevPar do 6,1%.

Suba do 5% na cifra de viaxeiros entre xaneiro e maio
O número de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia entre xaneiro e maio foi de 1.050.589, o que supón un incremento do 5% a respecto do mesmo período do ano pasado. De igual modo, a cifra de pernoitas tamén rexistrou unha suba do 2,2%, rexistrando preto de dous millóns nos cinco primeiros meses de 2014.

No período comprendido entre xaneiro e maio, o turismo internacional medrou en Galicia un 5,8% e o do mercado receptor nacional subiu un 2%. Deste xeito, tamén no acumulado do ano, o turismo internacional acada na comunidade o máximo histórico de viaxeiros aloxados, con máis de 261 mil nos primeiros cinco meses e cun peso no conxunto da demanda do 25% dos viaxeiros e do 22% das pernoitas.

Un 9,23% máis de peregrinos
No que vai de ano recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago un total de 73.590 peregrinos, dos que o 62,64% son estranxeiros. Esta cifra supón un total de 6.221 peregrinos máis que no mesmo período de 2013, o que implica unha porcentaxe de subida do 9,23.

Arriba