17 xul 2014

Turismo de Galicia e a Mancomunidade de municipios de Ferrolterra colaborarán na promoción e difusión dos seus recursos e produtos turísticos

A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Mancomunidade rubrican un acordo para a realización de actividades de promoción e información do turismo na comarca de Ferrolterra que inclúe actuacións destinadas á consolidación dos produtos turísticos e a posta en valor dos recursos endóxenos da comarca; á creación dunha imaxe de marca; á promoción dos produtos turísticos e á formación.

Nava Castro resalta o crecemento da cifra de peregrinos no Camiño Inglés no que vai de ano, que superou o 48% a respecto da cifra rexistrada no mesmo período de 2013.

Destaca que nos cinco primeiros meses deste ano o destino Ferrolterra experimentou unha suba do turismo nacional, do 2,4% nas pernoitas e do 7,2% no total de viaxeiros aloxados.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela asinaron onte un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción e información do turismo na comarca de Ferrolterra. No acto de sinatura estivo presente tamén a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o propio Plan Integral de Turismo recolle unha liña estratéxica centrada na cooperación interadministrativa e público-privada, así como actuacións orientadas ao desenvolvemento dos destinos. De modo que Turismo de Galicia impulsa convenios de colaboración para a posta en valor dos recursos e da oferta diferencial dos destinos “para facer de Galicia unha marca diferencial, un destino multiexperiencial e cun sector competitivo, innovador e internacional e que funcione como modelo europeo de turismo sostible”.

Segundo matizou Nava Castro, o obxectivo da posta en marcha de accións promocionais do destino Ferrolterra, obedece á potenciación do mesmo e á súa consolidación como destino turístico e como destino xerador de riqueza e emprego; ademais de dar continuidade á colaboración establecida no marco do Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal.

O convenio asinadoo onte persegue a consolidación dos produtos turísticos e a posta en valor dos recursos endóxenos da comarca; a creación dunha imaxe de marca; a promoción dos produtos turísticos e a formación do sector. As liñas de acción previstas no acordo son a creación dunha imaxe de marca que represente ao xeodestino; a creación dun espazo web; a edición de material promocional como un mapa turístico e unha guía de recursos; a asistencia a feiras especializadas; a creación, promoción e comercialización de produtos turísticos temáticos e mais a formación dinamizadora e a execución de actividades formativas dirixidas a empresarios e emprendedores do sector turístico para a creación e mellora da oferta, así como a xestión e coordinación das actividades.

Un 48,46% de peregrinos máis que no Camiño Inglés
Segundo dixo Nava Castro, ademais dos múltiples recursos e produtos turísticos de Ferrolterra, este territorio é unha das portas de entrada do Camiño Inglés en Galicia. No que vai de ano, máis de 98 mil peregrinos percorreron algunha das rutas xacobeas. Isto supón preto dun 9% máis que no mesmo período do ano pasado. Segundo especificou a directora de Turismo, no que vai de ano, a cifra de peregrinos que percorreron o Camiño Inglés medrou un 48,16% a respecto da cifra rexistrada no mesmo período de 2013. Un total de 2.667 peregrinos percorreron o Camiño Inglés entre os días 1 de xaneiro e 14 de xullo deste ano.

Destino de calidade con suba do turismo nacional
Ferrolterra e os seus recursos están a espertar crecente interese entre os viaxeiros que se achegan a Galicia, así, nos cinco primeiros meses deste ano, entre xaneiro e maio o destino Ferrolterra presenta resultados positivos no mercado nacional. O turismo nacional subiu un 2,4% nas pernoitas e un 7,2% no total de viaxeiros aloxados procedentes do conxunto do Estado.

De igual modo, tendo en conta os datos de todo o ano 2013 Ferrolterra rexistrou un forte crecemento do turismo internacional no segmento hoteleiro. A cifra de viaxeiros aloxados subiu un 25%, con algo máis de 20.100 viaxieros e un 42% no tocante ás pernoitas, con algo máis de 66 mil en todo o ano. Así, no 2013, o mercado internacional representou o 24% do total da demanda hoteleira da zona.

Nava Castro tamén se referiu a Ferrol como un destino diferenciado pola Calidade. Segundo lembrou, é destino SICTED, un dos cinco cos que conta Galicia e ten 14 establecementos e servizos adheridos e 28 distinguidos.

Novos produtos turísticos
A directora de Turismo de Galicia incidiu tamén na posta en valor de novos produtos turísticos e a promoción do territorio a través de novas iniciativas está a acadar grande éxito, tal e como se percibe a través do programa de rutas turísticas en tren ‘Galicia a todo tren’ promovido por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe que está a acadar gran acollida. Da totalidade das prazas ofertadas xa se venderon o 25,8% dende a posta en marcha da primeira das rutas o 14 de xuño.

A ruta dos Faros rexistra gran afluencia de público, estivo completo esta fin de semana tamén rexistra cheo para os dous días da fin de semana que ven. O tren dos Faros sae de Ferrol e permite coñecer lugares únicos da costa de Ferrolterra e A Mariña.

 

Arriba