18 xul 2014

‘Guía Turística da Ruta Termal e da Auga Verín-Chaves-Vidago’ que difunde os recursos turísticos asociados á auga minero-medicinal

Editaranse dez mil exemplares da guía que se enmarca no proxecto Eurorrexión Termal e da Auga.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Rogelio Martínez; o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán; o alcalde de Chaves, Antonio Cândido Monteiro Cabeleira; e mais o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar asistiron onte en Verín á presentación da Guía Turística da Ruta Termal e da Auga Verín-Chaves-Vidago e mais á inauguración do primeiro tramo da Ecovía fluvial do Támega.

A guía que onte se presentou enmárcase no proxecto Eurorrexión Termal e da Auga, no que participan Turismo de Galicia; a Eurocidade Chaves-Verín AECT; a Deputación de Ourense; Turismo Porto e Norte de Portugal e a Asociación Termas de Portugal.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez realizou unha presentación da publicación na que resaltou a súa capacidade de difusión dos recursos asociados á auga minero-medicinal. Segundo dixo, editaranse 10.000 exemplares da guía -4.000 en castelán e 4.000 en inglés e 2.000 en portugués- e estarán dispoñibles para o público nas Oficinas de Turismo de Xunta de Galicia, nas oficinas turísticas de Verín e Chaves, así como nas oficinas de información turística que Turismo Porto e Norte ten nas principais cidades do norte de Portugal.

Nava Castro explicou que a auga termal é o fío condutor dunha ruta que ten por obxectivo a difusión dos recursos turísticos dun territorio que atesoura algúns dos enclaves vinculados á auga minero-medicinal máis singulares da comunidade. “A aposta conxunta neste proxecto polo turismo de saúde e benestar materialízase na posta en marcha de accións colaborativas como a edición desta guía e do folleto explicativo da ruta”, explicou.

A directora de Turismo tamén comentou que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a rexión peninsular con maior concentración de manantiais minero-medicinais. “As industrias que xorden a raíz destes recursos endóxenos teñen contribuído notablemente ao desenvolvemento económico, social e sostible do territorio”, dixo.

Na guía figura a información básica sobre a Eurorrexión e a Eurocidade. Ademais, afóndase nas condicións das augas e explícanse as características físico-químicas das mesmas e as súas propiedades. A Ruta Termal e da Auga da Eurocidade Chaves-Verín conecta o patrimonio balneario deste territorio e combina rutas urbanas con rutas cicloturísticas. Así, ademais do patrimonio natural do transcurso do río Támega, o viaxeiro pode descubrir os recursos históricos e culturais das poboacións a través da conexión dos recursos termais.

A guía ofrece información sobre os diferentes recursos hídricos e as súas indicacións, así como un sistema de información xeorreferenciada para localizar os recursos hídricos no territorio.

Ademais, inclúe información sobre a oferta complementaria do destino a nivel enogastronómico, relacionadas co Camiño de Santiago, coa oferta comercial, de aloxamento e restauración así como unha carta de augas minerais naturais.

Onte inaugurouse tamén o tramo da Ecovía Fluvial do Támega, que se inclúe na ruta e que ofrece unha experiencia turística nunha paraxe de gran valor paisaxística.

A potencialidade termal de Galicia
A directora de Turismo de Galicia incidiu na súa intervención tamén na potencialidade de Galicia como destino termal de referencia e lembrou que Galicia é a comunidade líder a nivel estatal en canto a número de estacións termais así como en relación ás distincións de calidade turística neste tipo de establecementos.

Ao tempo, lembrou que no Plan Integral de Turismo de Galicia, a importancia do turismo termal na comunidade figura como unha fortaleza do destino e un referente a nivel nacional. E engadiu que unha das liñas estratéxicas do plan centrada na oferta turística baseada no patrimonio e os recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos recolle entre as accións a impulsar o fortalecemento da oferta de turismo de saúde no termalismo.

Nava Castro abordou tamén o Plan de turismo termal para a provincia de Ourense, que se inserta no Plan Integral de Turismo e cuxo obxectivo é poñer en valor turístico os recursos culturais e naturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de modo que conduzan á creación do destino Ourense Provincia Termal.

Arriba