28 set 2014

Preto de 150 artesáns abren os seus obradoiros ao público nas Rutas de Artesanía coas que a Xunta impulsa os oficios tradicionais como atractivo turístico

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe no Centro Oleiro de Gundivós esta iniciativa, que inclúe unha aplicación móbil que xeolocaliza os puntos de interese.

Conde destaca que a Artesanía de Galicia “achega un elemento diferenciador á oferta turística, cunha actividade fortemente ligada ao territorio que permite fixar emprego e tecido empresarial no rural”.

Nava Castro apunta que as Rutas da Artesanía son “unha oportunidade para a interacción social e a participación de todos os galegos en xeral e os artesáns en particular no turismo de Galicia”.

A presentación enmárcase no Día Mundial do Turismo, que este ano se celebrou baixo o lema “Turismo e desenvolvemento comunitario”.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron o día 27  no Centro Oleiro da Reitoral de Gundivós (Sober) a iniciativa Rutas de Artesanía, un proxecto conxunto co que a Xunta promove a posta en valor dos oficios tradicionais e o seu impulso como atractivo turístico no que están a participar preto de 150 artesáns de toda Galicia que abren os seus obradoiros ao público.

Tal e como salientou Francisco Conde, o proxecto nace do vínculo natural entre artesanía e turismo, salientando que a Artesanía de Galicia “achega un elemento diferenciador á oferta turística, cunha actividade fortemente ligada ao territorio que permite fixar emprego e tecido empresarial no rural”, e apuntando que a través desta iniciativa os visitantes poderán “coñecer e sentir a artesanía no seu entorno”.

Nestes aspectos incide a iniciativa Rutas de Artesanía, que inclúe unha aplicación móbil, Obradoiros Abertos, que parte dun traballo previo da Asociación Galega de Artesáns, e que agora incorpora a máis profesionais, todos eles coa marca Artesanía de Galicia, así como novas funcionalidades e rutas vinculadas ao Camiño de Santiago. Esta aplicación, dispoñible para Android e iOS, achega información sobre cada obradoiro ou punto de interese, xeolocalízao e proporciona a ruta para chegar ata el desde a ubicación do usuario. Como complemento a esta ferramenta, deseñáronse mapas por cada unha das provincias, que se están a distribuír nos principais puntos de interese artesán e turístico.

As Rutas de Artesanía contemplan, ademais, a realización de diferentes accións para zonas de destacado interese turístico, como a propia Ribeira Sacra ou San Andrés de Teixido, nas que se está a avanzar xa, e que se suman ás realizadas previamente pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño coas colareiras do Grove ou as redeiras, apostando pola posta en valor dos oficios tradicionais a través da diversificación e a profesionalización, e impulsando a súa incorporación á marca Artesanía de Galicia.

Apuntou Conde que esta iniciativa permite avanzar no contemplado no Plan de Artesanía de Galicia, elaborado xunto co sector co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

Para iso, tal e como subliñou o conselleiro de Economía e Industria, o plan márcase tres retos: afianzar a competitividade, reforzando un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesanal galego; consolidar a marca diferencial, impulsando o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia; e potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación, a presenza dos produtos galegos artesáns na rede e a cooperación con outros sectores produtivos.

Día Mundial do Turismo
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia sinalou que non hai mellor data para presentar as Rutas de Artesanía que un día tan especial como o Día Mundial do Turismo, que este ano se celebra baixo o lema “Turismo e desenvolvemento comunitario” co propósito de divulgar e sensibilizar acerca do valor social, cultural, político e económico do sector.

Nava Castro explicou que o turismo é fundamental para a xeración de ingresos e o desenvolvemento dos territorios dunha maneira sostible e que, ademais, potencia a participación local e o progreso a nivel comunitario. “O turismo convertese nun catalizador da cohesión social ao involucrar á poboación local nas actividades do propio sector”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Así mesmo, Nava Castro, destacou que as Rutas da Artesanía son unha oportunidade para a interacción social e a participación de todos os galegos en xeral e os artesáns en particular no turismo da nosa comunidade. Este novo produto turístico únese a outros promovidos pola Xunta de Galicia para incentivar a relación entre turistas e veciños, como o turismo mariñeiro, enolóxicos ou o Outono Gastronómico, entre outros.

A directora de Turismo de Galicia, referiuse a artesanía como un símbolo do marcado carácter tradicional de Galicia que co paso do tempo foi modernizando o seu proceso produtivo para mellorar o rendemento e a calidade dos produtos. “A tradición e o vangardismo alíanse neste produto turístico que outorga a posibilidade non so de descubrir o noso territorio senón que tamén mostra a nosa cultura e costumes a aqueles que nos visitan”, sinalou Nava Castro.

Para finalizar, a directora de Turismo de Galicia, recordou que o Plan Integral de Turismo recolle a revalorización da artesanía de Galicia como elemento tradicional e cultural diferenciador, fomentando a cooperación entre empresas turísticas e actores e produtos artesanais. “Con este proxecto pioneiro que estamos a presentar estase dando un paso adiante no cumprimento destes obxectivos co fin de potenciar a artesanía como un produto turístico de primeiro orde e que complementa a outros consolidados como o Camiño de Santiago, o turismo rural ou o turismo urbano”, destacou Nava Castro.

Arriba