06 set 2016

O inicio do verán marca en Galicia máximos históricos con máis de 730.000 viaxeiros e 1.700.000 pernoitas

Galicia incrementou no mes de xullo un 7,4% o número de viaxeiros aloxados e un 13,5% as pernoitas rexistrando cifras históricas

 

Tanto o turismo nacional como o internacional superaron por primeira vez na historia a cifra dos 540.000 e 180.000 viaxeiros respectivamente

A estadía media subiu tamén o pasado mes de xullo na nosa comunidade un 5,8% neste caso

O crecemento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento acadando máximos históricos en cada unha delas
 

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) , no pasado mes de xullo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade do 7,4% en relación ao mesmo período do ano anterior ata situarse en 730.053. Subiron tamén no pasado mes as pernoitas en relación ao mes de xullo de 2015 nun 13,5% neste caso, contabilizándose 1.704.585 no conxunto de Galicia.

É o cuarto ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda turística no mes de xullo, o que sitúa os niveis deste ano en máximos históricos tanto no que atinxe aos viaxeiros aloxados como ás pernoitas.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística, do 10,2% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 7,4% no que atinxe ás pernoitas.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O mercado nacional en Galicia subiu un 15,0% no tocante as pernoitas e un 9,4% no que atinxe aos viaxeiros, rexistrando preto de 550.000 viaxeiros e 1,38 millóns de pernoitas acadando neste ano máximos históricos de demanda.

Pola súa parte, o mercado internacional incrementou os seus viaxeiros nun 1,7% e as súas pernoitas nun 7,8%, acadando máximos históricos tanto de viaxeiros, con máis de 180.000 viaxeiros aloxados, como de pernoitas, ao sumar máis de 320.000. A estadía media subiu un 5,8%.

Tipoloxías de aloxamento

En xullo o 72% da demanda turística correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 57%- como ás pensións –co 15% neste caso-. O 28% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 5% da demanda total-, aos cámpings –co 19%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 4%-.

O crecemento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento con incrementos no contorno do 15% no caso dos hoteis, apartamentos turísticos e cámpings e no 26,5% no caso dos establecementos de turismo rural.

Esta dinámica positiva sitúa os niveis de demanda de cada tipoloxía en cifras récord xa que nunca antes se acadaran volumes de viaxeiros e pernoctacións tan elevadas en cada unha das modalidades de aloxamento neste mes de xullo. O dato mostra a relevancia do crecemento da demanda turística no inicio deste verán.

Desde o punto de vista da ocupación, rexistrouse tamén un comportamento positivo xeneralizado con melloras de maior intensidade nos hoteis –en 6,1 puntos porcentuais- e nos establecementos de turismo rural –en 6,9 puntos neste caso-.

Acumulado do ano

Nos primeiros sete meses deste ano 2016 Galicia rexistrou unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística, cun incremento do 6,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con preto de 2,6 millóns- e do 8,8% no que atinxe ás pernoitas –con preto de 5,1 millóns-.

É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra un incremento da súa demanda turística nos primeiros sete meses do ano o que marca máximos históricos tanto de viaxeiros como de pernoitas neste período.

Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional, subiu un 9,1%, cun crecemento de viaxeiros do 7,3% rexistrando preto de 1,9 millóns de viaxeiros aloxados e preto de 3,92 millóns de pernoctacións, as cifras máis elevadas dos últimos seis anos. O turismo internacional incrementou un 4,9% a súa cifra de viaxeiros e un 8,0% o seu nivel de pernoitas o que sitúa o niveis deste ano en máximos históricos tanto de viaxeiros–con preto de 720.000- coma de pernoitas –con case 1,17 millóns no conxunto da comunidade-.

Neste período, o 83,2% da demanda turística correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 66,2%- como ás pensións –co 17,0% neste caso-. O 16,8% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que reúne aos apartamentos turísticos –o 4,2% da demanda total-, aos cámpings –co 8,8%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,8% neste caso-.

En relación ás tipoloxías de aloxamento, rexistráronse neste período incrementos xeneralizdos. Subiu a demanda de forma máis destacada nos apartamentos turísticos, modalidade na que se incrementaron as pernoitas un 35%. Nos establecementos de turismo rural o crecemento foi do 15,5% mentres que nos hoteis e nos cámpings a suba foi do 9% en ambas.

En termos de ocupación rexistráronse melloras en todas as tipoloxías de aloxamento especialmente nos hoteis, nos apartamentos turísticos e nos cámpings, modalidades nas que a ocupación subiu en máis de dous puntos porcentuais.

Arriba