07 nov 2016

Os Premios Camiño de Santiago 2016 distinguen con 75.000 euros as iniciativas máis destacadas no ámbito xacobeo

Un total de oito premios recoñecen as mellores actuacións dos concellos polos que discorren as Rutas Xacobeas, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, as pemes e as actividades de carácter académico, investigador ou educativo

O obxectivo principal dos premios é contribuír a un aumento da conservación, difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago e da cultura xacobea
 

Os Premios Camiño de Santiago 2016 promovidos por Turismo de Galicia xa teñen galardoados.

Estes premios constitúen un recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, aquelas que impulsan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos así como as accións específicas de divulgación e promoción do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.

Deste xeito, os principais obxectivos destes galardóns son avanzar na mellora de cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago así como, no seu contorno ambiental, paisaxístico e arquitectónico e a súa protección xeral e posta en valor.

Así mesmo, buscan aumentar a sensibilidade cidadá coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago e estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño fomentando a colaboración cidadá en coordinación coas Administracións públicas.

Nesta segunda convocatoria, para a cal Turismo de Galicia achega un total de 75.000 euros, presentaron a súa candidatura un total de 24 concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e áreas metropolitanas e outras entidades locais de Galicia polos que discorren as diferentes rutas xacobeas da nosa comunidade.

De entre estas candidaturas concederanse un total de oito distincións, entre as catro categorías existentes.

Galardoados


Na primeira categoría, destinada a distinguir as iniciativas dos concellos polos que discorren as diversas rutas do Camiño de Santiago, recaerá o primeiro premio no concello de Mondoñedo e o segundo no concello de Oroso.

A segunda categoría, orientada a premiar as actuacións desenvolvidas polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recoñecerá o traballo da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Burgos –primeiro premio- e da Asociación Jacobea de Málaga.

Pola súa parte, na terceira categoría, que recoñece as iniciativas ou as actividades desenvolvidas por as pequenas e medianas empresas, o primeiro premio será para a Maseybuco e o segundo para Zerozero Imagen y Comunicación.

Por último, a cuarta categoría premiará ao Centro de Estudios Galegos-Universidade de Kiel, na modalidade que distingue os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación ou cultura xacobea, ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago, e ao IES Plurilingüe San Rosendo-Mondoñedo, na categoría que recoñece os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.


Premios


Nas categorías primeira, segunda e terceira os primeiros galardoados recibirán un premio por importe de 15.000 euros e os segundos clasificados por importe de 5.000 euros.

Pola súa parte, os gañadores da cuarta categoría, recibirán un recoñecemento de 10.000 euros para a modalidade de investigación e estudo, e de 5.000 euros na categoría destinada aos traballos de carácter educativo.

Arriba