07 dec 2016

Turismo de Galicia promove a oferta náutica galega na 57ª edición do Salón Náutico de París

Trátase dun dos certames máis importantes e coñecidos de Europa que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo

O obxectivo é promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico-recreativas galegas

A participación neste salón sempre resulta moi positiva xa que Francia é un dos mercados prioritarios, cunha forte demanda de turismo náutico

A oferta náutica de Galicia estivo presente un ano máis na 54ª edición do Salón Náutico de París, un dos certames máis importantes e coñecidos de Europa que se celebrou recentemente na capital francesa. O obxectivo de Turismo de Galicia foi promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico-recreativas galegas, a través deste certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo.

Turismo de Galicia estivo presente cun stand de deseño de 48 m2 a través do que deu a coñecer as instalacións e servizos náuticos, así como a oferta turística das entidades e empresas relacionadas con este sector en Galicia. O recinto de promoción do turismo náutico galego posibilitou ademais a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que visitan a feira.

Por outra parte, a entidade Portos de Galicia estivo representada tamén no stand de Galicia apoiando a promoción e a consolidación do país como destino náutico de primeira orde internacional.

Ademais do contacto empresarial cos participantes no Salón, Turismo de Galicia e Portos de Galicia desenvolveron unha axenda de reunións, na que se incluíron encontros institucionais e presentacións públicas para difundir o potencial da náutica galega e o das súas instalacións e servizos portuarios.

Mercado prioritario
A participación neste salón sempre resulta moi positiva, xa que Francia é un dos mercados prioritarios, cunha forte demanda de turismo náutico. A nosa comunidade resulta ser un destino atractivo para as travesías do Atlántico polas súas boas condicións de navegabilidade, incluso para a hibernaxe de barcos e o alugueiro de amarres en tempada alta. Así mesmo, cómpre destacar que Francia é o quinto mercado internacional máis importante de Galicia, ao representar o 8% do total do turismo estranxeiro.

Arriba