25 abr 2017

Turismo de Galicia impulsa a contratación de persoal nas oficinas de municipios turísticos e xeodestinos

 O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución do proceso de concesión de subvencións outorgadas por un importe de máis de 235.000 euros para un total de 47 destinos

Turismo de Galicia destinará máis de 235.000 euros para axudar a un total de 47 destinos de Galicia para contratar persoal nas súas oficinas de turismo durante as épocas de máis afluencia de visitantes a estes destinos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou  o resultado do proceso de concesión destas subvencións, que se concederán a 47 destinos galegos -4 máis que o ano pasado-, entre municipios turísticos e xeodestinos.

Conscientes de que a afluencia turística dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro nestes municipios fai necesaria a contratación de persoal nas súas oficinas de turismo, Turismo de Galicia puxo en marcha estas subvencións que na convocatoria deste ano presentaba como novidade a posibilidade de que, ademais dos concellos declarados municipios turísticos, puidesen optar a estas axudas os 18 xeodestinos e subxeodestinos de Galicia.

Garantir a calidade no servizo de información

Grazas a estas axudas garantirase o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de maneira que se potencie a imaxe tanto dos municipios de interese turístico como de toda a Comunidade Autónoma no ámbito nacional e internacional.

O persoal que se contrate nestas oficinas deberá ser persoal cualificado, en posesión de títulos de información e comercialización turística ou técnico superior en guía; información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas; grao ou diplomatura en turismo ou equivalente homologado ou habilitación de guía de turismo.

 

Arriba