24 mar 2017

Turismo de Galicia presenta a oferta turística da Comunidade galega aos operadores irlandeses

O departamento de Turismo da Xunta participou na reunión Irish Travel Industry Trade Show que congregou a 350 empresarios turísticos de Irlanda

O ano pasado aloxáronse no territorio galego 48.000 irlandeses, un 7,3% máis que en 2015

En 2016 un total de 6537 irlandeses realizaron o Camiño de Santiago, un 17,9% máis que no ano 2015

 Presentar a oferta turística da Comunidade galega e o Camiño de Santiago aos principais operadores turísticos irlandeses foi o obxectivo da participación de Turismo de Galicia na Irish Travel Industry Trade Show, a reunión profesional que congregou na capital irlandesa a 350 profesionais do turismo irlandés e ás principais institucións e empresas turísticas españolas.

Deste xeito, Turismo de Galicia participou no workshop dirixido aos operadores irlandeses máis destacados no que se presentará o destino Galicia e as súas novidades para o ano 2017.

Turismo de Galicia incidiu na oferta relacionada coa cultura, a natureza e o Camiño de Santiago que o ano 2016 percorreron 6537 peregrinos irlandeses, un 17,9% máis que no anterior ano 2015.

Mercado irlandés


Polo que respecta á demanda turística, o irlandés é un mercado importante para a Comunidade galega. En 2016 Galicia rexistrou preto de 48.000 viaxeiros aloxados e 67.000 noites nos establecementos regrados de Galicia, o hotel e a pensión foron as modalidades máis demandadas.

Irlanda sitúanse nun segundo grupo en orde de importancia por detrás dos cinco principais mercados europeos -Portugal, Alemaña, Italia, Francia e Reino Unido- e EEUU, compartindo posición cos Países Baixos.

Ademais, este mercado vén experimentando unha tendencia de crecemento. Así, no ano 2016, o mercado irlandés superou nun 7,3% a súa cifra de viaxeiros aloxados en Galicia e nun 16,1% o nivel de pernoitas en relación ao anterior ano 2015.

Arriba