27 mar 2017

Turismo de Galicia estreita relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de EEUU

 

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou na 20th Annual Gathering of Pilgrims, en Georgia, onde presentou o modelo galego de xestión da Ruta Xacobea

No encontro valorou o importante papel de American Pilgrims on the Camino como hospitaleiros voluntarios no albergue de Ribadiso, no Camiño Francés

O norteamericano foi o terceiro mercado internacional con máis peregrinos que selaron a Compostela en 2016

 Turismo de Galicia vén de estreitar as súas relacións coas asociacións do camiño de Santiago en EEUU, tras a participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, na 20th Annual Gathering of Pilgrims, que reuniu estes días en Georgia a máis de 200 participantes interesados no fenómeno xacobeo.

O encontro serviu para consolidar a relación con American Pilgrims on the Camino, organizadores do encontro e asociación americana que participa cada ano no programa de hospitaleiros voluntarios colaborando co albergue de Ribadiso entre os meses de maio e outubro. 
Neste sentido, o xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para agradecer aos membros da súa directiva o importante papel que están a ter na mellora da atención aos peregrinos, especialmente os internacionais, neste emblemático albergue do Camiño Francés.
Rafael Sánchez deu a coñecer, ademais, aos participantes no encontro, as liñas de actuación levadas a cabo en Galicia na xestión do Camiño de Santiago. Centrouse especialmente en asuntos como a Rede Pública de Albergues de Galicia, así como na sinalización da Ruta Xacobea, entre outros aspectos.
Durante a súa visita a Georgia, o xerente do Xacobeo tamén mantivo encontros con representantes de diferentes universidades norteamericanas que impulsan entre os seus estudantes o Camiño de Santiago e investigan sobre a Ruta Xacobea. 
Rafael Sánchez reuniuse con representantes do College William & Mary, de Virginia, da Lander University, de Greenwood, Carolina del Sur, e da Universidade Virginia Tech aos que informou e invitou a participar na Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada conxuntamente por Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral compostelá.


O terceiro mercado internacional con máis peregrinos

Con este encontro, Turismo de Galicia continúa co seu traballo de promoción do Camiño en Estados Unidos, un país que pechou o ano 2016 con máis de 15.000 peregrinos, converténdose no terceiro mercado internacional, só por detrás de Italia e Alemaña.

Arriba