17 abr 2017

Turismo de Galicia promociona a práctica do golf en Galicia a través do X Circuíto Cenor-Camiño de Santiago

A participación da Xunta neste evento ten como obxectivo dar a coñecer a Comunidade galega como destino de golf

Turismo de Galicia ofrecerá un premio á mellor parella sénior en cada unha das probas que se celebren fóra de Galicia 

 O Turismo de Galicia colabora un ano máis co Circuíto Cenor-Camiño de Santiago co obxectivo de promover a práctica do golf na Comunidade galega e difundir os valores de Galicia como destino para xogadores deste deporte.

Deste xeito, a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia, ofrece neste circuíto, que celebra neste ano a súa décima edición, o Premio Especial Turismo de Galicia á mellor parella sénior de cada unha das probas celebradas fóra do territorio galego consistente nun convite a participar na final que se celebrará o vindeiro día 30 de setembro, tamén no Real Aeroclub de Santiago.

Así mesmo, colabora tamén na final desta proba deportiva cun premio á mellor parella sénior de fóra da comunidade galega, de xeito que poderá realizar unha ruta polos campos de golf de Galicia e gozar da oferta turística galega ao longo dunha semana.

Grazas a este apoio, Turismo de Galicia terá presenza tanto na carteleira, como nos paneis que se colocarán nas entregas de premios e nos actos de presentación aos medios de comunicación. Ademais, a oferta turística galega estará presente nos comunicados de prensa e nas redes sociais do evento.

Por outra parte, nas catro probas que se celebrarán fóra de Galicia, onde Turismo de Galicia premia á mellor parella sénior, o logo Galicia, o bo camiño contará cunha gran difusión formando parte das bandeiras no percorrido das probas así como no material de promoción.

Éxito de participación

Nas oito probas clasificatorias espérase unha participación superior aos 800 xogadores, dos cales con licenza de fóra de Galicia estímase que serán uns 400 e, destes últimos, 300 serán xogadores integrados dentro da categoría sénior. É dicir, que en cada unha das catro probas que se celebren fóra da Comunidade galega -Navarra, País Vasco, Cantabria e Asturias- espérase unha participación de 70 xogadores sénior por proba.

O Circuíto de golf Cenor- Camiño de Santiago leva celebrándose ininterrompidamente desde o ano 2008. Pódese dicir que é un dos circuítos amateurs por parellas máis importantes e consolidados do norte de España.

 
Arriba