10 out 2017

Turismo de Galicia e Cogami afondan na xestión dos destinos turísticos accesibles, coa mirada posta no Camiño de Santiago

 Nava Castro e Ovidio Rodeiro, abriron una xornada de traballo na que se presentou o proxecto Saber Universal e se avanzou no Plan de Acción de Turismo Accesible

  
O plan de actuación proxecta unir os esforzos de promoción do Camiño de Santiago e o de San Benedetto de Norcia, en Italia, desde o prisma da sensibilidade
 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participaron nunha xornada de traballo, realizada coa colaboración da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), que se desenvolveu no Edificio Administrativo de Monelos, na Coruña. A xornada xirou en torno á xestión de destinos turísticos accesibles.

Logo dos saúdos iniciais, presentouse o Proxecto SABER Universal, a Carta de Turismo Accesible Santiago-San Benedetto, que ten como obxectivo principal a promoción do turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo de dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés de Santiago en España, e o Camiño de San Benedetto, en Italia.

No marco deste programa, que ten unha duración total de 18 meses, está a desenvolverse unha avaliación do punto de situación dos servizos e instalacións existentes nas rutas de peregrinación, celebrarase unha formación de operadores turísticos co obxectivo de concienciar da importancia da accesibilidade, deseñarase unha oferta de paquetes turísticos accesibles nos destinos así como accións de comunicación e difusión das actividades desenvolvidas.

Nava Castro destacou que desde Turismo de Galicia apóstase firmemente polo Camiño de Santiago como un recurso accesible para todos. De feito, a xornada rematou coa presentación do Plan de Accesibilidade Turística e do Camiño de Santiago, coa formación e apartacións dos grupos de traballo para avanzar en diferentes propostas.

 

Arriba