15 xan 2018

Nava Castro comproba os avances do proxecto que permitirá alongar as tempadas de esquí na estación de Manzaneda

 O sistema de xeración artificial de neve pretende estender a tempada ata abril para afondar no obxectivo da desestacionalización atraendo visitantes durante todo o ano grazas ás múltiples oportunidades de turismo activo que ofrece este recinto

Tamén fará posible aumentar a calidade da neve e incrementar o volume de esquiadores, que a día de hoxe supera os 28.000 ao ano

 
Visita á Estación de Montaña Manzaneda.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, visitou xunto ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda para comprobar os avances no proxecto de innivación artificial que se está a levar a cabo neste complexo.

O obxectivo é asegurar as condicións de neve a finais de decembro e alongar a tempada ata abril, nunha estación que, a día de hoxe, conta cun volume de esquiadores que supera os 28.000 ao ano, cifra que se prevé incrementar con esta medida. Para acadalo, estase a traballar na posta en marcha deste sistema de xeración artificial de neve que fortalecerá o papel desta estación como un dos maiores recursos de Galicia no eido do turismo activo durante todo o ano, afondando así no obxectivo de desestacionalización que persegue o modelo turístico galego, con propostas atractivas tamén fóra de tempada alta.

Durante a visita, Nava Castro puido comprobar o funcionamento dos primeiros innivadores colocados que, unha vez rematado o proceso de instalación, permitirán incrementar a presenza de neve nas súas pistas centrais, así como na zona de debutantes, para que diminúa a dependencia da precipitación natural. Tamén farán posible mellorar a calidade de neve e mesmo aumentar a oferta nesta estación, con actividades como o esquí nocturno.

A posta en marcha desta medida foi aprobada polo Consello de Administración da sociedade titular desta estación, Manzaneda Estación de Inverno SA (MEISA), na que a Xunta de Galicia forma parte do accionariado. Suporá a posta en valor deste complexo que conta, ademais, con instalacións para a práctica doutras disciplinas deportivas, zona infantil de xogos, zona multideporte para nenos, rocódromo, tiro con arco e mesmo paint ball.

A Estación de Manzaneda é a única estación de montaña e esquí de Galicia e constitúe un recurso con enorme potencialidade que está contribuíndo a afianzar o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial. Impulsarase o seu papel fóra de tempada alta, un dos obxectivos marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento consensuado co sector que fixa as liñas de traballo cara ao Xacobeo 2021 e que consolida o papel de Galicia como destino atractivo, de calidade, responsable e comprometido.

 

Arriba