05 mar 2018

O mercado gourmet Lonja del Barranco de Sevilla recrea durante este mes de marzo un bosque de viños galegos e camelias

 Trátase dunha campaña itinerante de Turismo de Galicia para promocionar a enogastronomía ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas da D.O Rías Baixas

 
Durante as próximas semanas organizaranse catas de viños, actividades culinarias e haberá un punto de información turística da Comunidade Galega
 
‘Viños e camelias’ dá resposta ao obxectivo do Goberno galego de promocionar os recursos singulares de Galicia nos mercados de proximidade
As camelias galegas viaxan a Sevilla.

 O mercado gourmet Lonja del Barranco de Sevilla acolle ao longo deste mes de marzo a campaña Viños e camelias, impulsada por Turismo de Galicia para promocionar a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da D.O Rías Baixas.

Este singular espazo, deseñado por Gustave Eiffel e que desde a súa construción en 1883 ata 1970 foi empregado como lonxa e mercado maiorista, reconverteuse hai uns anos nun exitoso mercado gourmet no centro desta cidade andaluza e nun destacado punto de encontro para os amantes da gastronomía e propostas culinarias orixinais e variadas.

Como froito desta campaña, instalouse neste recinto un xardín de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O Rías Baixas. Nas vindeiras semanas tamén se organizarán diferentes catas de viños, actividades culinarias para degustar o mellor da gastronomía galega e instalarase un punto de información turística da Comunidade galega.

Esta iniciativa dá resposta ao traballo do Goberno galego, recollido na Estratexia do turismo de Galicia 2020, por promocionar nos mercados de proximidade os recursos singulares como é o caso da Ruta da Camelia, que percorre de norte a sur 12 xardíns e pazos galegos onde se pode gozar desta flor e todo o que rodea ás zonas onde se pode visitar, combinándoo coa enogastronomía, o turismo urbano e ou o turismo cultural.

As paradas da ruta contan xa cunha sinalización turística propia que se está a completar coa sinalización concreta das especies máis singulares no interior dos xardíns e se prevé a adquisición dun sistema de radioguía inalámbrico, entre outras medidas que faciliten a realización da visita dos grupos, que cada vez son máis, que se achegan a estes xardíns.

11.000 visitantes no País Vasco

A campaña Viños e camelias vén avalada do éxito acadado o pasado ano no País Vasco, cando recibiu máis de 11.000 visitantes ao seu paso polas cidades de Bilbao e San Sebastián. Con estas iniciativas estase a contribuír a que a Ruta da Camelia se consolide como referente nacional e internacional especialmente no inverno e primavera.

 

Por todo isto, Turismo traballa con iniciativas como esta para poñer en valor este recurso único, tendo presenza nas principais feiras e certames deste tipo que se celebran en Europa e introducindo a Ruta da Camelia nos principais mercados interesados neste tipo de produto.

 
Arriba