12 mar 2018

A Xunta licita a explotación do primeiro spa de viñoterapia de Galicia situado no Mosteiro de San Clodio de Leiro

Este establecemento, situado nun edificio con máis de 500 anos de historia que foi rehabilitado por Turismo de Galicia, aspira a converterse nun centro de referencia neste tipo de servizos e incrementa o atractivo termal da provincia de Ourense

 
Conta cunha superficie útil de 465 m² en dúas plantas nas que se reparten piscina-spa, sauna, baño turco, ducha de contraste ou cabinas de masaxe, entre outros
 

 Turismo de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio da licitación para a explotación do primeiro spa de viñoterapia da Comunidade, situado no edificio anexo ao Mosteiro de San Clodio, en Leiro.

Trátase dunha concesión para explotación de forma integral deste emblemático recinto, na comarca do Ribeiro, que amplía o potencial e atractivo termal da provincia de Ourense e que está chamado a convertese nun centro de referencia na prestación deste tipo de servizos.

Este spa de viñoterapia, localizado nun espazo con máis de 500 anos de antigüidade e que foi rehabilitado e equipado por Turismo de Galicia, empregará produtos derivados da uva e do viño como parte dos seus tratamentos, entre outros elementos. Conta cunha superficie útil de preto de 465 m² repartidos en dúas plantas con piscina-spa, sauna, baño turco, ducha de contraste, cabinas de masaxe e relax, amais doutros espazos de atención aos usuarios.

O servizo inclúe todas as actividades relacionadas coa xestión, explotación e mantemento das instalacións acondicionadas, cun prazo de concesión comprendido ata finais de 2024.

O adxudicatario encargarase de todas as tarefas derivadas do correcto funcionamento e correrá con diversos gastos derivados do equipamento, persoal, subministros e outros.

Oferta especializada e de calidade

Con este novo recurso, Galicia continúa a incrementar a súa oferta turística, ao tempo que recupera o seu patrimonio cultural, posto a disposición de todos os galegos. Así Turismo de Galicia consolida a súa aposta pola especialización do noso destino e a revalorización dos elementos que identifican o noso territorio, segunda potencia termal de toda Europa.

Ao abeiro do Plan Ourense Provincia Termal e do Plan de Turismo de Saúde e Termal de Galicia, o Goberno autonómico ten dedicado numerosos investimentos para o impulso deste tipo de recursos, grazas ao que experimentaron unha notable mellora nos últimos anos.

 
Arriba