27 mar 2018

O Camiño de Santiago reforza a seguridade dos peregrinos durante Semana Santa cun novo dispositivo especial

 O dispositivo posto en marcha este ano estará composto por motoristas da agrupación da Garda Civil de Tráfico e do Seprona, así como por cabalos do Escuadrón de Cabalería e axentes de Seguridade Cidadá

 
A Policía Autonómica despregará patrullas nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago en beneficio tanto dos peregrinos como do control en negocios ilegais
 
O Plan director do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia traballa pola seguridade dun xeito permanente con accións paralelas en distintos ámbitos
Presentación do Plan de reforzo de seguridade no Camiño de Santiago.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, asistiron  en Pedrafita do Cebreiro á presentación do novo dispositivo especial de seguridade que porá en marcha o Goberno de España para reforzar a vixilancia do Camiño de Santiago durante esta Semana Santa.

Como explicou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o dispositivo estará composto por motoristas da agrupación da Garda Civil de Tráfico e do Seprona, así como por cabalos do Escuadrón de Cabalería e axentes da Garda Civil de Seguridade Cidadá. A través do Plan de Seguridade Xacobea 2018 reforzarase a presenza das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado intensificando os servizos de seguridade e atención cidadá en todos os itinerarios que compoñen o Camiño de Santiago en beneficio tanto das persoas que as recorren como dos bens do Patrimonio Histórico e Cultural.

Nos labores de seguridade participa activamente a Policía Autonómica que desprega patrullas nos camiños de Santiago na longo de todo ano, con especial atención ao Camiño Francés e que, se reforza considerablemente en anos xacobeos, nos que que incrementa a presenza de visitantes. O seu labor de vixilancia fará especial fincapé, en colaboración con Patrimonio, no control de negocios ilegais.

Colaboración entre administracións

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións para sumar medios no obxectivo conxunto de garantir a seguridade dos peregrinos, especialmente en puntos máis vulnerables. Como recordou, desde a Xunta de Galicia trabállase por esta seguridade de maneira permanente, con accións paralelas en distintos ámbitos.

Así se está a facer a través do Plan Director do Camiño de Santiago, o documento co que desde 2015 o Goberno autonómico resposta ás necesidades actuais da ruta e dos peregrinos, que cada ano son máis e chegan dun maior número de países. A ruta xacobea superou en 2017 por primeira vez a barreira dos 300.000 peregrinos e está demostrando estar máis diversificado que nunca nos seus nove itinerarios por terra e tamén máis internacionalizado, chegando a acoller peregrinos de máis de 179 nacionalidades. No que vai de ano, a cifra global supera os 8.900 peregrinos, chegados de ata 89 países.

Nava Castro tamén puxo en valor a sensibilidade do Goberno galego nesta materia, apoiando iniciativas como a campaña Peregrina seguro que realiza conxuntamente a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e a Asociación Stop Accidentes coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O Plan director do Camiño de Santiago inclúe diversas actuacións de sinalización e acondicionamento dos diferentes trazados e contén numerosas medidas relacionadas coa seguridade viaria. Debido á importancia que estes aspectos teñen na xestión do Camiño de Santiago, no ámbito da Comisión da Seguridade Viaria dos Camiños na que participa a Administración autonómica trasladouse a conveniencia de poder incluír ao Ministerio de Interior no Consejo Jacobeo.

 
Arriba