03 dec 2018

Nava Castro enxalza o atractivo turístico da tradición belenística galega na apertura do belén electrónico de Begonte

 Durante o pregón, puxo en valor o labor da veciñanza por ter sido capaz de manter este costume e animou a visitar os mercados de Nadal e actividades culturais que se celebrarán nas vindeiras semanas nas catro provincias galegas

Este é un dos dous nacementos de Interese Turístico de Galicia e, nas súas case cinco décadas de vida, refórzase ano a ano como reclamo durante estas datas

 

A directora de Turismo, Nava Castro, enxalzou o crecente atractivo que está a ter a tradición belenística galega como reclamo para achegar viaxeiros á nosa Comunidade. Así o expresou durante a súa lectura do pregón do Nadal de Begonte, coñecido especialmente polo seu belén electrónico, un dos dous galegos de Interese Turístico de Galicia declarados pola Consellería de Cultura e Turismo.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, Nava Castro puxo de manifesto o importante traballo levado a cabo polos veciños e veciñas desta localidade lucense para conseguir que Begonte sexa nestas datas máis que nunca un lugar de encontro e de celebración. A piques de cumprir as súas vodas de ouro, este Belén, dixo, “logrou traspasar os límites desta comarca, desta provincia, e incluso de toda Galicia”.

Puxo de manifesto o carácter único deste nacemento que está composto por pezas artesanais e mecanismos electrónicos para o seu movemento con más de 150 figuras. Este ano, os organizadores do belén incorporaron varias figuras que se corresponden coa tradicional matanza do porco, seguindo a tradición que manteñen cada ano facendo unha homenaxe a un oficio tradicional galego.

Numerosas actividades

Xunto ao Belén -que permanecerá aberto ata o 26 de xaneiro-, o Nadal de Begonte inclúe tamén unha ampla programación cultural, así como certames de Xornalismo, Poesía e Debuxo Infantil sobre o Nadal e outro de arte.

O acto tamén serviu para animar a todos os galegos e visitantes a participar das numerosas actividades culturais e de lecer que durante estas semanas se celebran nas catro provincias galegas. Unha programación que demostra por que Galicia é un destino para visitar en calquera época do ano, afondando así nos obxectivos da Estratexia do Turismo e Galicia 2020, para consolidarse como un destino cunha oferta diversificada e desestacionalizada. 

 

 

 

 

Arriba