09 dec 2018

Con ‘Nadal en Galicia’ Cultura e Turismo achega máis de medio centenar de propostas á oferta de actividades para estas festas

 Este departamento da Xunta publica unha guía na que se inclúen beléns, mercados e outras instalacións típicas destas datas nas catro provincias

A publicación inclúe tamén o programa que se desenvolverá na Cidade da Cultura de Galicia ao longo dos vindeiros días e presta atención á artesanía
 
Portada do folleto 'Nadal en Galicia'

 Nadal en Galicia é o nome da guía que recolle unha selección das actividades de lecer programadas en distintos concellos da Comunidade e que vén de publicar a Consellería de Cultura e Turismo ao obxecto de difundilas entre galegos e visitantes como parte da oferta turística do outono e o inverno.

Esta publicación, que se pudo adquirir de xeito gratuíto encartada nos xornais de Galicia e agora pódese descargar da web turismo.gal, conta con tres apartados nos que se distribúen un total de 52 actividades que se desenvolven en municipios das catro provincias galegas.

Neste sentido, dentro de Nadal en Galicia atópanse 25 beléns relacionados por provincias, salientándose tamén os recoñecidos na categoría de festa de interese turístico, na que se atopan os de Begonte (Lugo) e Valga (Pontevedra).

Por outra parte, esta guía de acontecementos do Nadal inclúe tamén un apartado no que están presentes os mercados e outras actividades típicas destas datas, relacionadas fundamentalmente coas principais cidades.

Ademais, o folleto de Cultura e Turismo presenta unha listaxe dos acontecementos relacionados coa celebración do Nadal que van ter lugar na Cidade da Cultura ao longo das próximas xornadas, centradas nos nenos e nas familias.

Valor turístico do Nadal

O último apartado desta guía recolle as citas máis destacadas da artesanía durante estas festas na Comunidade e pecha a publicación un mapa no que se sitúan xeograficamente todas as actividades.

Este folleto, que agrupa boa parte das actividades que se desenvolven en Galicia estas semanas, busca potenciar o valor turístico do Nadal, combinando o lecer coa participación dos propios galegos e dos visitantes nos acontecementos que teñen lugar no territorio. Está e a terceira edición de Nadal en Galicia logo da súa publicación nos anos 2017 e 2016.

 

 

Arriba