Cultura e Turismo salienta o excelente resultado empresarial do sector turístico en 2018 co sexto maior crecemento de toda España
Os datos presentados hoxe por Exceltur no seu balance anual reflicten a mellora tanto nas ventas como nos resultados, con aumentos de entre o 2% e o 3%
Galicia remata o 2018 cun excelente resultado empresarial no sector turístico, tal e como reflicte o informe presentado por Exceltur, Alianza para a excelencia turística, no que fai balance da evolución no pasado exercicio e expón as perspectivas para o 2019. En ambos casos, a Comunidade galega aparece como unha das mellor situadas a nivel nacional. De feito, é a sexta autonomía cun maior crecemento tanto en ventas como en resultados e colócase terceira para o novo ano.
En concreto, no que se refire ás ventas, o sector turístico experimentou un aumento do 3%, segundo os datos recollidos pola Enquisa de Clima Turístico Empresarial realizada por Exceltur. Así mesmo, os resultados medraron case un 2%, o que converte a Galicia na mellor comunidade da España Verde, a coalición que agrupa as rexións do norte peninsular da que forma parte activa xunto ao Principado de Asturias, Cantabria e País Vasco.
Desde a Xunta, considérase que as cifras certifican que a Estratexia do Turismo de Galicia 2020 está a funcionar satisfactoriamente, propiciando unha maior competitividade do destino e estimulando o desenvolvemento económico cun modelo de calidade e sustentabilidade.
Bo final de exercicio
Este resultado, derivado dun comportamento homoxéneo durante todo o ano, observouse tamén durante o último trimestre, coincidindo co outono-inverno. Durante ese período, o 74% dos empresarios logrou aumentar o manter os resultados respecto a 2017 e o 100% foi quen de mellorar o conservar o nivel de emprego. De igual xeito, máis do 76% mellorou ou preservou os seus prezos e o 71% repetiu este mesmo patrón coas súas reservas.
O informe tamén ofrece as primeiras perspectivas empresariais para 2019, nas que Galicia destaca aínda con maior intensidade. Así, as expectativas do sector sitúan á Comunidade como a terceira con maiores subidas en ventas, só por detrás de Estremadura e Madrid, cun crecemento estimado do 3,6%. Nos beneficios atópase igualmente en cuarto lugar, cun crecemento próximo ao 3%. De cara ao primeiro trimestre, o 80% dos empresarios confía en mellorar ou manter os seus resultados e o 85% prevé similar evolución nas súas vendas.
Exceltur atribúe este sobresaínte comportamento á decidida aposta durante os últimos anos polo “reposicionamento e reinvención de produto e a diversificación de mercados, reforzando a fidelización de demanda interior e unha maior presenza de demanda internacional”.