20 mai 2019

Abre unha nova convocatoria de axudas para as asociacións de amigos do Camiño de Santiago

Consígnase unha partida de 90.000 euros para apoiar proxectos relacionados coa hospitalidade e difusión da cultura xacobea, así como a edición de publicacións

 
Na actualidade existen máis de 300 asociacións en todo o mundo.

 A Consellería de Cultura e Turismo vén de abrir unha nova convocatoria de axudas dirixida ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago para impulsar os seus proxectos relacionados coa hospitalidade, así como para contribuír ás accións de difusión da cultura xacobea a través do seu traballo en publicacións.

Como se publica no DOG, as axudas articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva e poderán solicitalas as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades legalmente constituídas que teñan como finalidade a promoción da ruta xacobea e a súa peregrinación.

Consígnase unha cantidade global de 90.000 euros que se distribuirán entre as dúas liñas desta convocatoria. A primeira, a relativa aos proxectos relacionados coa hospitalidade e actividades encamiñadas á difusión da cultura xacobea, contará cunha partida de 55.000 euros. Pola súa banda, a segunda liña, que se centra nas publicacións ten consignados 35.000 euros. Como máximo, cada entidade beneficiaria poderá recibir 10.000 euros.

Superan as 300 en todo o mundo

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde se poden consultar as bases completas.

Esta liña de axudas enmárcase no traballo da Xunta por apoiar o labor que realizan as asociacións de amigos de Camiño de Santiago, que suman máis de 300 en todo o mundo. Amais, a súa contribución é tida en conta no Plan Director do Camiño de Santiago, cunha liña dirixida a potenciar a cooperación cos diferentes colectivos.

Cómpre lembrar que o labor que desenvolven estas asociacións é un dos grandes piares do Camiño de Santiago e que, polo tanto, resulta clave a súa implicación e colaboración na planificación do Xacobeo 21. Neste sentido, tense proposto xa a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

 

Arriba