16 set 2019

Turismo de Galicia lanza unha nova liña de axudas de 500.000 euros para impulsar o turismo de congresos na antesala do Xacobeo 21

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde de subvencións dirixida a entidades organizadoras de congresos, seminarios ou convencións

O Plan Estratéxico do vindeiro Ano Santo aposta por fomentar este tipo de eventos na Comunidade aproveitando o carácter multicultural da celebración
 
Poderán solicitala universidades, organismos públicos de investigación, colexios profesionais, entidades sen ánimo de lucro ou empresas privadas, entre outros
 
Táboa das axudas para congresos.

Coa intención de potenciar o turismo de eventos coa ollada posta no Xacobeo 21, a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova orde de axudas dotada con máis de 500.000 euros para entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia.

A Consellería de Cultura e Turismo pon en marcha esta nova liña de subvencións en concorrencia competitiva que pretende potenciar a actividade congresual en Galicia, especialmente importante no modelo turístico galego pola súa capacidade desestacionalizadora e por fomentar un turismo de alto valor engadido. Ademais, a consolidación da nosa Comunidade como espazo para albergar este tipo de eventos é un dos obxectivos fixados no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, aproveitando a oportunidade de diálogo e de intercambio cultural que suporá o próximo Ano Santo.

Esta convocatoria conta cun orzamento global de máis de 500.000 euros para as actividades desenvolvidas desde o 1 de setembro de 2019 ata o 30 de setembro do 2020. Poderán ser beneficiarias universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións ou outras unidades de investigación; sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia.

Ata 25.000 euros

Tamén se poderán beneficiar empresas ou sociedades privadas que promovan especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións ou incentivos. O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a posta en marcha deste tipo de eventos, centrados na reflexión e o intercambio de ideas, contribuíndo á desestacionalización e a internacionalización da oferta turística galega coa vista posta no Xacobeo 21. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

Á hora de valorar a concesión da subvención teranse en conta criterios como o tipo de congreso, evento ou reunión, o seu ámbito xeográfico, o número de asistentes e o mes de celebración, así como as actividades complementarias propostas, entre outros. As entidades beneficiarias poderán acadar entre 25.000 euros e 2.500, segundo os puntos acadados. Ademais, Turismo de Galicia facilitará material promocional ás entidades organizadoras beneficiarias ata esgotamento de existencias.

 

Arriba