09 mar 2020

A Xunta e "la Caixa" reforzan a súa colaboración cun novo convenio cunha partida específica de 5 millóns de euros para o patrocinio do Xacobeo 2021

Con esta sinatura, “la Caixa” dedicará a acción social na Comunidade máis de 13 millóns, en 2020, para colaborar na mellora das condicións de vida da infancia máis vulnerable, das persoas maiores e dos colectivos en risco de exclusión, entre outros

Xunto aos programas de vivenda social, no eido do emprego o documento recolle o obxectivo de fomentar a inserción laboral de colectivos con dificultades especiais para atopar traballo
 
Os presidentes da Xunta e da Fundación La Caixa, tras a sinatura do acordo.

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Fundación “la Caixa”, Isidro Fainé, reforzaron a colaboración social, educativa e cultural entre ambas institucións, cun novo convenio que inclúe un acordo específico dun total de 5 millóns de euros para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, a través de iniciativas da Xunta, así como de actividades da propia entidade, que se desenvolverán neste ano e no vindeiro.

O acordo asinado establece que en total “la Caixa” dedicará a acción social na Comunidade máis de 13 millóns de euros en 2020 para colaborar, entre outros obxectivos, na mellora das condicións de vida da infancia máis vulnerable, das persoas maiores e dos colectivos con necesidades especiais afectados por enfermidades, así como contribuír ao benestar de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión. Ademais de contemplar accións nos ámbitos educativo, cultural e de investigación e coñecemento.

Xunto aos programas de vivenda social, cunha oferta de pisos de aluguer a prezos inferiores aos do mercado -77 pisos sociais en toda Galicia-, no eido do emprego o documento inclúe o obxectivo de fomentar a inserción laboral de colectivos con dificultades para encontrar traballo, como as persoas con discapacidade, os parados de longa duración, mozos en risco de exclusión, mulleres vítimas de violencia de xénero e inmigrantes, entre outros.

Así mesmo, continuarase co desenvolvemento de iniciativas como o Programa de persoas maiores, encamiñado a fomentar a participación social e a incentivar a súa formación no eido das novas tecnoloxías, así como en proxectos culturais e sociais, a través de 24 centros sociocomunitarios.

Por outra banda, seguirase a impulsar tamén o achegamento das humanidades, as artes escénicas e a música aos cidadáns, a través da organización de eventos como exposicións ou concertos. E continuarase co proxecto EduCaixa, que engloba toda a oferta educativa desta entidade.

 

Arriba