26 nov 2020

A Xunta investirá 85,6 millóns de euros na programación, seguridade e promoción do Xacobeo 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, compareceu no Parlamento galego para explicar as contas do departamento que dirixe para o próximo ano

Precisou que o Goberno galego traballa para preparar “o mellor dos Xacobeos posibles”
 
Consignaranse 35,7 millóns de euros para un Plan de choque para o reforzo do sector turístico
 
Unha das medidas novidosas será a creación de “seguros coronavirus”, que cubrirían gastos sanitarios, de transporte e aloxamento no caso de contaxio, tanto para o viaxeiro como para o acompañante
 
En total, o orzamento destinado a Turismo ascenderá a 112,5 millóns de euros, un 52,3% máis que este ano
 
Alfonso Rueda presentou os orzamentos no Parlamento de Galicia.

 A Xunta investirá no Xacobeo 2021 85,6 millóns de euros que se destinarán a ámbitos como a programación de actividades, a seguridade, a promoción, ou a mellora de infraestruturas e paisaxes no Camiño de Santiago. Deste total, 61,7 millóns de euros corresponden á Vicepresidencia primeira e, os restantes, a orzamentos doutras consellerías que van acometer actuacións directamente relacionadas co Ano Santo.

Así o avanzou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, que compareceu no Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2021, que superarán os 392 millóns de euros: a partida máis importante volverá ser a destinada á Administración de Xustiza, mentres que a suba porcentual máis destacada será a do turismo, un sector que o próximo ano precisará dun maior apoio.

Ante un 2021 que será “incerto e atípico”, o vicepresidente primeiro referiuse de forma especial ao Xacobeo 2021 “que será diferente, pero o mellor dos posibles”. Con este obxectivo, a Xunta enfocará o seu orzamento a cinco ámbitos principais.

O primeiro ámbito será a seguridade: a sanitaria, para seguir promovendo a Galicia como un destino seguro; pero tamén a viaria e a xeral, facendo fincapé na Catedral de Santiago e no seu contorno. Segundo, a través do orzamento do Xacobeo, continuaranse mellorando as infraestruturas e a paisaxe, co remate do Plan Director do Camiño 20215-2021, coas últimas obras no Camiño de Inverno, e continuando a ampliación da rede pública de albergues no Camiño de Santiago, coa posta en marcha de 6 novos albergues (Vilasantar, O Saviñao, A Gudiña, Oseira, Sobrado dos Monxes e Vigo) e o inicio das obras dos albergues de Piñor e Friol. O terceiro ámbito no que enfocarán as contas do Xacobeo será o da promoción, e o cuarto, a programación, que se presentará nos próximos días, e contará con máis de 200 actividades. Por último, o quinto eido centrarase na participación de toda a sociedade galega, a través de iniciativas como “O teu Xacobeo”.

Plan de choque para a recuperación do sector turístico

A celebración do Xacobeo suporá unha oportunidade para impulsar a reactivación do sector turístico que, ademais, recibirá un apoio adicional e específico. Así, en 2021, a Xunta consignará 35,7 millóns de euros para poñer en marcha un Plan de choque que incluirá a creación de medidas de calado como a contratación de “seguros coronavirus”, que cubrirían gastos sanitarios, transporte e aloxamento derivados da posible situación de contaxio, tanto para o/a viaxeiro/a como para o acompañante. Tamén cubriría a súa estadía no caso de ter que facer unha corentena.

O Plan de choque actuará en máis eixos: axudas directas para incentivar o consumo, con medidas como o Bono turístico ou o programa Elixe Galicia; medidas para potenciar Galicia como un destino seguro, como o seguro ou a elaboración de plans de continxencia; promoción de produtos turísticos que poidan ter unha mellor evolución no escenario actual, como a natureza ou o termalismo; e o impulso á formación e fomento da oferta turística de calidade.

En total, a Axencia de Turismo de Galicia contará cun orzamento de 112,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 52,3% respecto ao exercicio do ano anterior, o que permitirá dar cobertura á celebración do Xacobeo e ao plan de choque do sector turístico, ademais de manter o resto de actividades de apoio e promoción do sector.

 
Arriba