30 nov 2020

Alfonso Rueda destaca a importancia das axudas á renovación das instalacións do sector turístico para consolidar unha oferta diferenciada e de calidade

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o Hotel Congreso, un dos 80 aloxamentos e establecementos de restauración beneficiarios da orde de axudas á que o Goberno galego destinou 1,5 M€

 
Alfonso Rueda destacou que estas achegas permitirán ao sector ser máis competitivos e ofrecer un servizo de calidade co que recuperar a confianza dos viaxeiros e reactivar o sector
 
A Xunta aposta por apoiar proxectos que promovan a accesibilidade, a sustentabilidade, a innovación e a c
 
O vicepresidente 1º da Xunta, na visita ao hotel Congreso,

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o Hotel Congreso, un dos 80 aloxamentos e negocios de restauración da comunidade beneficiarios da orde de axudas do Goberno galego para realizar actuacións de mellora e de modernización das súas infraestruturas, dotada con 1,5 millóns de euros. A Xunta aposta así por consolidar a Galicia como un destino turístico seguro e cunha oferta diferenciada e de calidade que contribúa a reactivar o sector e recuperar a confianza dos viaxeiros nos próximos meses.

O Hotel Congreso é un dos 48 negocios de aloxamento –establecementos hoteleiros, cámpings, casas de turismo rural ou albergues turísticos- que recibirán este ano apoio da Xunta para renovar os seus negocios, aos que se suman outros 32 restaurantes. Neste caso, a axuda de 22.400 investirase na mellora das instalacións de contraincendios, as cubertas e teitos, así como a dotación de equipamento na cociña e na piscina interior.

Na provincia da Coruña son 22 os locais que percibirán axudas cun importe total de 288.000 euros. Tamén chegarán a 41 negocios de Pontevedra, 11 de Lugo e 6 de Ourense. A Xunta financia a través desta orde ata o 35% do investimento realizado polos locais nas súas infraestruturas, cunha achega dun máximo de 35.000 euros.

Entre as actuacións subvencionables inclúense medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións de calidade como a Q de Calidade Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financian accións a prol da sustentabilidade como a mellora da climatización, a implantación de medidas de aforro enerxético, a modernización dos locais e o embelecemento do seu entorno ou a renovación dos equipamentos necesarios para o seu funcionamento.

Alfonso Rueda sinalou que se trata de incentivar proxectos que promovan a accesibilidade, a sustentabilidade, a innovación e a calidade, elementos que identifican o modelo turístico galego e que permite ao sector ser máis competitivo. Deste xeito, incidiu na importancia desta orde nun contexto marcado pola pandemia no que o sector turístico está sendo un dos máis afectados. As axudas súmanse –engadiu- ao apoio da Xunta ao sector para adaptarse ás medidas esixidas pola covid-19 e a minimizar o impacto económico da crise sanitaria.

Por iso, destacou que a Xunta continuará a traballar da man do sector e a través do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, no que tamén participan as tres universidades galegas, no deseño do futuro modelo turístico galego, que se baseará precisamente na sustentabilidade, na calidade e nunha oferta segmentada e diferenciada. Ademais, pretende situar a Galicia como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado con espazos naturais e abertos, aspectos moi demandados polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia.

 

 

Arriba