15 dec 2020

A Xunta aposta polo turismo inclusivo coa posta en marcha do centro asistencial e turístico de Aspanaes no Monte do Gozo

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaron as obras de rehabilitación e adaptación do novo centro, no marco do Plan de Revitalización do Monte do Gozo

Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego traballa por un Xacobeo 2021 e un Camiño de Santiago accesible e seguro
 
Fabiola García salientou que os Orzamentos da Xunta para a atención á discapacidade increméntanse un 10% ata chegar aos 126 millóns de euros
Alfonso Rueda e Fabiola García, no Monte do Gozo.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García visitaron as obras de rehabilitación e adaptación para poñer en marcha o novo centro asistencial e turístico da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) no Monte do Gozo co obxectivo de fomentar un turismo inclusivo. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da asociación, Ignacio Labella.

A Xunta asinou o ano pasado coa entidade un acordo para a cesión por un período de 33 anos do edificio do cámping do Monte do Gozo que estaba en desuso desde hai unha década colaborando na reforma das instalacións cun investimento de máis de 764.800 euros. A rehabilitación deste inmoble permitirá á asociación contar cun centro de día con servizos terapéuticos para persoas con Trastorno do Espectro Autista. Ademais, neste centro ofreceranse servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal e programas de fomento do turismo inclusivo.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a aposta do Goberno galego por un turismo inclusivo e tamén un Xacobeo 2021 e un Camiño de Santiago máis accesibles e integradores. Nesta liña, incidiu que as actuacións que se están a levar a cabo no acondicionamento das rutas xacobeas ou nos traballos previstos no Plan de Albergues 2019-2021 teñen en conta a accesibilidade.

As obras no centro de Aspanaes inclúense no Plan de Revitalización do Monte do Gozo, dotado con 7,4 millóns de euros, co que a Xunta traballa na reconversión deste espazo para convertelo nun símbolo do Xacobeo 2021 e nun punto de encontro para o conxunto da cidadanía como para os peregrinos que entran na cidade compostelá ao remate do seu camiño. Así, sinalou que o Goberno galego continúa a traballar pese ás restricións sanitarias da covid-19 na preparación do Ano Santo, que será diferente pero o mellor dos Xacobeos posibles e que contará con tódalas garantías de seguridade.

40 anos de traxectoria

Pola súa banda, a conselleira de Política Social agradeceu e puxo en valor o labor que leva realizado Aspanaes nos seus 40 anos de traxectoria. Explicou que, neste tempo, a entidade traballou a diario para mellorar a calidade de vida e autonomía das persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) e as súas familias, un obxectivo que comparte coa Xunta de Galicia.

Por esta razón, indicou que a Xunta de Galicia continuará apoiando ás entidades que se dedican á atención á discapacidade, que nos Orzamentos do Goberno galego para o próximo ano incrementan un 10% ata chegar aos 126 millóns de euros.

 

Arriba