22 mar 2021

Turismo de Galicia publica a guía "Sendas para descubrir un país" como proposta de sendeirismo que inclúe 122 camiños homologados

 Esta nova publicación inclúe 57 camiños máis que a edición anterior

A información sobre os sendeiros recollidos neste folleto tamén está accesible na APP Sendegal, dispoñible nas plataformas de descargas para teléfonos intelixentes
 
Está dispoñible en formato dixital a través da web de Turismo de Galicia www.turismo.gal
 
Portada do folleto Sendas para descubrir un país.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, acaba de reeditar o folleto de sendeirismo Sendas para descubrir un país, unha publicación de 268 páxinas, que constitúe unha das mellores ferramentas para a práctica desta actividade de contacto coa natureza en todo o territorio da comunidade galega.

Nesta nova edición, a publicación especializada en sendeirismo actualiza a súa información e inclúe 57 camiños máis ca anterior edición.

Así, esta guía recolle información sobre os 122 sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo para practicar sendeirismo en Galicia, dos que tres son sendeiros de gran percorrido e 119 de pequeno percorrido.

A publicación inclúe unha parte informativa sobre a nomenclatura e símbolos que o camiñante se atopará nos camiños, así como sobre o Sistema MIDE, relacionado coa comunicación entre excursionistas para avaliar as esixencias técnicas e físicas dos percorridos.

Información completa

Polo que respecta a cada un dos sendeiros, este folleto turístico dedícalle dúas páxinas nas que se fai unha descrición do seu trazado con fotografías deste.

Tamén se inclúe un mapa de situación a escala, así como as coordenadas do inicio e o final da ruta.

Por outra parte, explícanse as características máis salientables do sendeiro, así como os servizos dos que dispón, as conexións con outros camiños homologados e a información MIDE.

Este folleto, pódese descargar ou consultar en PDF desde a web www.turismo.gal e máis adiante contará cunha versión impresa en varios idiomas.

Sendegal

A información deste folleto, pódese complementar coa aplicación para teléfonos intelixentes Sendegal, realizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo.

Esta aplicación constitúe unha nova ferramenta para promocionar o sendeirismo e o turismo de natureza, utilizando as tecnoloxías dos teléfonos intelixentes .

A aplicación pódese buscar nas bibliotecas ou app stores e pode descargarse gratuitamente. A información proporciónase en galego, en castelán e en inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación.

Nesta pantalla o usuario pode atopar información sobre os roteiros homologados en Galicia, ademais dunha serie de consellos que facilitarán a experiencia ao camiñante como información sobre sinalización, sobre o significado das balizas e das frechas ou sobre as clasificacións de sendeiros, de gran percorrido, de pequeno percorrido, variantes e derivacións.

 

Arriba