10 out 2022

A Xunta apoia a Asociación de Amigos do Camiño de Lugo nun proxecto de difusión internacional do Xacobeo

 Desenvólvese en colaboración con entidades homólogas de Arxentina, Brasil, Estados Unidos e Xapón, catro dos países que historicamente achegan máis peregrinos

 
Presentación, en Lugo.

 A Xunta de Galicia impulsa un proxecto da Asociación de Amigos do Camiño de Lugo para a difusión internacional do Xacobeo. A iniciativa Lugo é Camiño foi presentada na sede do colectivo coa presencia, entre outros, do seu presidente, Ángel Trabada; o delegado territorial, Javier Arias; o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, Jorge Martínez.

A proposta, que nace con vocación de continuidade, desenvolverase nesta primeira fase en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, a American Pilgrims on the Camino, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Arxentina, e a Associação Brasileira dos Amigos do Caminho de Santiago. Deste xeito, dirixirase a catro dos países que historicamente teñen achegado maior volume de peregrinos.

O obxectivo é promocionar o patrimonio e a riqueza dos 31 municipios lucenses atravesados polas rutas xacobeas, e para elo servirase da realización de conferencias virtuais coas catro asociacións citadas, a difusión específica nas súas webs e redes sociais, a elaboración de trípticos monográficos e a creación dunha páxina web específica que estará accesible en catro linguas (galego, español, inglés e xaponés).

Arias gabou a iniciativa e sinalou que “está claro que compartimos obxectivos coa Asociación de Amigos do Camiño, xa que ademais de poñer en común experiencias e promocionar as distintas variantes xacobeas, suporá abrir novas oportunidades económicas no rural, coa influencia do Camiño e dos seus valores como eixo principal”.

 
Arriba