09 out 2023

Xosé Merelles salienta o “potencial e prestixio” do Centro Superior de Hostalería de Galicia, cunha inserción laboral de máis do 95%

Este ano conta con máis de 170 estudantes, dos que 53 son de novo ingreso no Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da Universidade de Santiago de Compostela
 

Destaca o elevado peso da especialización e a formación práctica con preto de 200 destinos en empresas galegas, do resto de España e do estranxeiro

 

Xosé Merelles salienta o “potencial e prestixio” do Centro Superior de Hostalería de Galicia, cunha inserción laboral de máis do 95%

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou o novo curso no Centro Superior de Hostalería de Galicia onde se referiu ao “enorme potencial e prestixio” das ensinanzas que se imparten desde hai tres décadas nesta institución docente, que vén conseguindo “uns elevados datos de inserción laboral superiores ao 95%”, indicou.

Xosé Merelles deu a benvida aos máis de 170 estudantes que van cursar os seus estudos nalgúns dos catro cursos que se imparten. Un total de 53 destes alumnos son de novo ingreso e van cursar o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da Universidade de Santiago de Compostela. “Este é o segundo curso académico desde que se implantou o Grao e estamos moi satisfeitos porque é un paso máis para seguir desenvolvendo un sector turístico galego competitivo, que é o noso gran obxectivo”.

O director de Turismo de Galicia recordou que, desde a posta en marcha deste Centro -hai preto de 30 anos- formáronse máis de 2.500 profesionais que traballan agora no sector hoteleiro ou turístico. Neste sentido, referiuse á “alta especialización” e á importancia que ten a formación práctica no seu modelo como unha das claves do éxito, con preto de 200 destinos en empresas galegas, do resto de España e do estranxeiro. “De feito, só no último ano, 25 cadeas hoteleiras nacionais e internacionais visitaron o centro para seleccionar alumnos nos programas de prácticas”, indicou.

Bo momento do sector

Referiuse, neste sentido, ás posibilidade de futuro avaladas polos resultados que manexan no propio Centro Superior de Hostalería de Galicia en canto á inserción laboral do seu alumnado. “Cuantifícase en máis dun 95% os ex alumnos da rama de Hotelería deste centro que traballan no sector e case o 100% no de Gastronomía. Incluso o 97% obtivo o seu primeiro posto de traballo transcorrido menos dun ano desde a finalización dos seus estudos”.

Fixo mención, ademais, ao bo momento que está atravesar o sector turístico galego, cun crecemento dun 6% nas cifras de viaxeiros e noites con respecto ao ano pasado por estas datas.

Tamén formación continua

O Centro Superior de Hostalería de Galicia imparte desde hai dous cursos académicos o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da Universidade de Santiago de Compostela. Conta cun curso inicial común e ten dúas mencións, unha en Dirección Hoteleira e outra en Gastronomía. O grao ofrece unha visión completa e integral dos negocios hostaleiros dentro da industria hoteleira, restauración, agroalimentaria, eventos e turismo en xeral.

Xunto ao Grao universitario, o Centro Superior de Hostalería de Galicia tamén aposta pola innovación e a formación constante buscando a reciclaxe dos traballadores en activo. Por iso ten un plan de formación anual para os profesionais do sector turístico, emprendemento e dixitalización que vén funcionando con boa resposta nos últimos anos.

Arriba