12 feb 2024

A Xunta organiza esta semana unha xornada informativa para o sector turístico sobre as axudas de fomento da oferta gastronómica galega

Enoturismo

Turismo de Galicia organiza unha xornada informativa o vindeiro xoves 15 de febreiro dedicada ao sector na que se afondará nos detalles da convocatoria de axudas para o fomento da oferta gastronómica de Galicia que, entre outras accións, impulsa a adecuación de establecementos enoturísticos e adegas, así como a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia.

 
A xornada celebrarase ás 10,00 horas no edificio CINC da Cidade da Cultura e as persoas interesadas poderán apuntarse ata o 14 de febreiro no correo electrónico secretaria.turismo@xunta.gal e no teléfono 981 54 63 51. Tamén se retransmitirá vía streaming a través da canle de Youtube de Turismo de Galicia.
 
As axudas, dotadas de 5,5 M€, teñen aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 19 de xuño e buscan fomentar o turismo enogastronómico con medidas que sufragarán o embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo, entre outras.
 
Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha con fondos europeos que foron asignados á comunidade galega. En concreto, forma parte do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta no horizonte de 2025 con 34,5 M€ e que está composto con tres accións de cohesión en forma de liñas de axuda -unha delas esta-, así como 13 Plans de Sostibilidade Turística en Destino nun total de 80 concellos galegos.
Arriba