18 mar 2024

A Xunta pon en valor o auxe da peregrinación a Galicia procedente de Estados Unidos

Reunion embaixada EEUU

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, recibiron unha representación da sección consular da Embaixada dos Estados Unidos de América en España. No encontro afondouse na seguridade das rutas xacobeas e na súa divulgación no país norteamericano, que o ano pasado situouse no primeiro lugar na clasificación internacional. 

Deste xeito, dos máis de 440.000 camiñantes que selaron a súa Compostela en 2023, máis de 32.000 procedían de Estados Unidos. Supoñen máis do 7% e ocupa o segundo posto, só por detrás dos 197.100 de España e liderando o ranking de países que achegan maior volume de peregrinos estranxeiros. Polo tanto, as cifras amosan a predisposición da cidadanía americana por viaxar e coñecer Galicia. No que vai deste 2024, do total de 7.300 peregrinos, un total de 376 -o 5,11%- son de Estados Unidos. 
 
 Na reunión de hoxe, na que participaron o cónsul da Embaixada dos Estados Unidos en España, Rafael Andrade, e a supervisora da Sección de Cidadáns Americanos, Kimberley Wise, abordouse precisamente o auxe da peregrinación a Santiago de Compostela e o traballo da Xunta por garantir a seguridade do Camiño e a atención aos peregrinos. 
 
 Por parte da Xunta, tamén estivo presente o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal. Este corpo de seguridade encargase precisamente da vixilancia das rutas xacobeas e da atención aos peregrinos. De feito, o ano pasado  os axentes da UPA levaron a cabo máis 7.500 actuacións nos distintos camiños para garantir a seguridade dos peregrinos, das que máis de 2.300 corresponden con inspeccións dos distintos camiños. 
 
 As patrullas da Policía Autonómica fanse cargo de actuacións en materia de seguridade e protección nos desprazamentos dos peregrinos, así como nos actos institucionais, culturais, sociais, deportivos e nas visitas de autoridades, entre outras, moitas delas en coordinación coas demais forzas e corpos de seguridade.
Arriba