Membros do Consello do Turismo de Galicia

A Composición do Consello do Turismo de Galicia e o réxime de elección dos/as seus/súas membros establécese no artigo 3 do Decreto 149/2012, do 5 de xullo.

Artigo 3. Composición do Consello do Turismo de Galicia e réxime de elección dos/as seus/súas membros

1. O Consello do Turismo de Galicia terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular dun órgano superior ou de dirección da consellería con competencias en materia de Presidencia e Administracións Públicas, proposto/a pola persoa titular desta.

c) Vogais:

1º. Un/unha representante proposto/a pola persoa titular de cada unha das consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en infraestruturas; sanidade; economía; medio rural; e cultura, cun total de cinco, entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección das devanditas consellerías.

2º. Catro representantes das administracións locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

3º. Unha persoa representante das universidades galegas, proposta de común acordo polos seus/súas reitores. En defecto de acordo, este representante terá carácter rotatorio, segundo o criterio da data de creación da universidade, comezando polo proposto pola primeira en crearse e rematando pola última. Este/a representante terá acreditada a condición de experto/a nas materias directamente relacionadas co turismo.

4º. Nove representantes propostos/as pola confederación de asociacións ou asociación máis representativa, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma e inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seguintes sectores turísticos:

– Dous/dúas representantes de establecementos hoteleiros.

– Dous/dúas representantes de empresas de restauración.

– Un/unha representante de establecementos de turismo rural.

– Un/unha representante de axencias de viaxes e centrais de reservas.

– Un/unha representante de hoteis balneario e hoteis talaso.

– Un/unha representante de campamentos de turismo.

– Un/unha representante de empresas de oferta complementaria e guías de turismo.

5º. Un/unha representante de cada unha das tres organizacións sindicais que teñan a condición de máis representativas a nivel autonómico. Estes/as representantes deberán ter acreditado o seu labor dentro da organización en materias relacionadas directamente co turismo.

6º. Unha persoa representante das asociacións de consumidores e usuarios proposto/a polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

7º. A persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo poderá nomear, ademais, dous vogais entre técnicos e especialistas no campo do turismo, que actuarán en representación da Administración da Comunidade Autónoma.

2. Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo, cuxa designación e cesamento corresponde á persoa titular do dito órgano superior.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído polo/a vicepresidente/a. O resto dos/as membros do Consello poderán ser substituídos/as pola persoa que, con carácter xeral se propuxese para os efectos como suplente. O/a secretario/a será substituído polo/a funcionario/a do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo que designe a persoa titular deste.

4. No seo do Consello procurarase unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Arriba