Os concellos turísticos de Pontevedra coordinarán as súas accións de promoción
A directora de Turismo de Galicia mantivo onte en Pontevedra unha reunión cos responsables dos Municipios Turísticos para coordinar accións en materia de promoción, para falar das ordes de axudas e mais do Decreto de Municipio Turístico.
Na reunión tamén participaron o presidente e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e Manuel Figueroa, respectivamente.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, mantivo onte un encontro cos rexedores e técnicos dos municipios turísticos da provincia de Pontevedra. En total, os municipios coa declaración na provincia son once: Baiona, Mondariz Balneario e Sanxenxo contan coa declaración de Municipio Turístico dende o ano 1999. No ano 2000 obtiveron a declaración Cambados, o Grove, Tui e Poio. Cangas e A Guarda son Municipios Turísticos dende 2001 e Nigrán e Vilagarcía dende 2004.
A directora de Turismo transmitiu aos técnicos e rexedores dos municipios turísticos da provincia a necesidade de coordinar as accións de promoción en aras de xerar unha maior eficiencia e eficacia no emprego dos recursos.
De igual modo, abordou temas relacionados coas distintas ordes de axudas nas que se traballa dende o seu departamento.
Novidades do decreto de Municipio Turístico
No encontro, a directora de Turismo falou do novo decreto que regulamentará a Declaración de Municipios de Interese Turístico de Galicia e que está na actualidade en tramitación.
O decreto desenvolve as previsións que se establecen para esta materia na actual Lei de Turismo de Galicia e que se recollen entre os artigos 27 e 30 do devandito texto.
Entre as principais novidades figura que a partir da entrada en vigor do decreto en trámite poderán solicitar a declaración de municipio turístico aqueles que cumpran os seguintes requisitos:
- Que a media ponderada anual de poboación turística sexa superior ao 25% do número de veciños.
- Que o número de prazas de aloxamento turístico e de prazas de segunda residencia sexa superior ao 50% do número de veciños.
- Que acrediten contar, dentro do seu territorio, con algún recurso ou servizo turístico susceptible de producir unha atracción turística que xere unha cantidade de visitantes cinco veces superior á súa poboación, computada ao longo dun ano e repartida, cando menos, en máis de trinta días.
Segundo matizou a directora de Turismo, os Municipios Turísticos terán que cumprir os tres requisitos en lugar de unicamente un deles como se establece no actual decreto.
De igual xeito, os municipios turísticos deberán prestar como mínimo os servizos previstos no artigo 28 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de Turismo de Galicia.